gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 13°
11°
Xoves 15°
12°
Venres 16°
14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2017
  3. Outubro

Outubro 2017

25Out 2017

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas lembra a Paco Souto cunha semana de actividades arredor da súa figura

cartel erotico 2017 TRAZADOO mundo da cultura galega comeza a escribir as “Novas crónicas de Malpica” a través dun programa de actos que terán como eixo fundamental a figura do finado Paco Souto. Creadores das máis diversas disciplinas daranse cita na nosa vila entre o 31 deste mes e o 5 de novembro para lembrar, coincidindo coa entrega do premio do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, a quen foi o seu principal impulsor.

Esta nova iniciativa da Asociación Cultural Caldeirón conta co apoio do Concello de Malpica, Tingalaranga, Confraría de Pescadores e Asociación Cultural Malante, e co patrocinio de Viños Tano, Carnicería Moncho e Forno Novo Panadería. Entre todas e todos, e coa colaboración de numerosas persoas do mundo da cultura, vaise desenvolver un programa de actividades para todos os públicos que trata de facer honor a unha das máximas de Paco Souto: “A vida sen paixón só é un trámite”.

Con toda a paixón, arrancaremos o martes 31 no CEIP Milladoiro con “Poemar o mar”, unha iniciativa de promoción da poesía dentro da escola baseada dun dos elementos aos que tantos versos dedicou o propio Paco Souto. E desde o 1 ata o 5 de novembro desenvolveranse todo tipo de propostas, que podedes consultar no folleto adxunto, en diversos escenarios. O Centro Cívico de Malpica, a Casa do Pescador, locais de hostalaría, a Casa da cultura de Seaia e tamén as rúas acollerán as actividades.

Ademais, o sábado 4 farase público o fallo do xurado do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, coincidindo cunha Cea das Letras tamén moi especial. No acto do día 4 tamén se realizará a presentación de “O home invisíbel”, a obra gañadora do ano pasado, da autoría de Xabier Queipo.

programa reverso 2017

25Out 2017

O Concello pon en marcha un taller práctico de pladur e pintura para mellorar a empregabilidade de persoas en risco de exclusión

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Un máximo de 10 persoas poderán participar no taller de pladur e pintura que organiza o Concello de Malpica, a través da empresa de economía social Máis Porvir, para persoas en risco de exclusión social. O obxectivo é mellorar as posibilidades de inserción laboral deste colectivo, ao mesmo tempo que se lle dá un valor engadido ao traballo mediante o acondicionamento dunha aula na Casa do Oleiro de Buño. Esta iniciativa promovida pola Concellería de Servizos Sociais dará continuidade, así mesmo, ao programa de formación que vén levando a cabo nos últimos anos co obxectivo de impulsar a empregabilidade dos colectivos que teñen máis dificultades para acceder ao traballo.

O taller será totalmente práctico, e dotará ás persoas participantes de coñecementos básicos en instalación de pladur, pintado de superficies e pequenos arranxos en edificios. Ademais da formación profesional de cara a unha futura inserción no mercado de traballo, esta acción formativa tamén pretende mellorar os hábitos laborais dos participantes, reforzar a súa autoestima e aumentar a súa motivación e educar na conservación ambiental e arquitectónica.

O curso desenvolverase desde o 31 deste mes ata o 12 de decembro. Terá unha duración de 54 horas, que se repartirán de martes a xoves de 11 a 14. O programa formativo inclúe coñecementos sobre eliminación de humidades, prevención de riscos, impermeabilización e técnicas de colocación de pladur, e pintado de superficies. As persoas interesadas poden dirixirse ao departamento de Servizos Sociais (Centro Cívico).

17Out 2017

Malpica lembra, 84 anos despois, a primeira representación de monicreques das Misións Pedagóxicas

O 20 de outubro de 1933, no marco das Misións Pedagóxicas, estreábase en Malpica o Retablo de Fantoches. José Val del Omar, Ramón Naya, Fernández Mazas, Miguel Prieto e Urbano Lugrís, xunto a Rafael Dieste, iniciaban na nosa vila as representacións de monicreques que as Misións Pedagóxicas levarían por todo o país. En lembranza daquel titánico esforzo por achegar a cultura a todos os recunchos do Estado español, no 22 de outubro de 2017, queremos levar ó mesmo espazo que se usara no ano 33 unha representación de monicreques.

Deste xeito, as Misións Pedagóxicas regresan a Malpica 84 anos cunha xornada festiva e cultural na que lembraremos aquela data histórica. Coa colaboración da Asociación Cultural Malante, a Asociación de Veciños San Antonio y A Tropa dos Pardo, ás 17 horas empezará a celebración cun pasarrúas da A.C. Malante pola praza de Anselmo Villar Amigo e a rúa Eduardo Vila Fano. A continuación volverán os monicreques. Titereficcións presentaranos “Cantos contos contas”, un espectáculo teatral e musical na que dous viaxeiros que coinciden nunha estación de tren compartirán, mentres agardan, algúns dos contos que marcaron as súas vidas.

O acto central comezará ás 19 horas na praza. Un magosto popular encherá de animación a vila. Haberá castañas, viño, licor café e chocolate, e cuncas a 2 euros coas que se poderá recuncar tantas veces como se queira. E como en toda boa festa debe haber música, as cantareiras e os gaiteiros de Malante e A Tropa dos Pardo encargaranse de que non falte.

Este ano, como novidade, tamén organizamos un concurso de disfraces de época no que haberá premios á mellor caracterización (anos 1920-1930). Teremos dúas categorías: infantil (ata 12 anos) e absoluta (sen límite de idade), e un xurado popular encargarase de decidir os premios, que consistirán en trofeos e cestas.

Exposición
Aínda que o prato forte será o 22, desde onte pode visitarse tamén na aula circular do Fondo Lugrís (Centro Cívico) unha exposición de fotografías da representación do ano 1933. Así mesmo, todos/as os/as veciños/as que dispoñan de fotografías das actividades das Misións Pedagóxicas no ano 1933 en Malpica poden achegalas ao Departamento de Educación e Cultura para proceder á súa dixitalización e incorporalas á Mostra Fotográfica “As Misións Pedagóxicas en Malpica”. Todas as persoas que acheguen fotografías recibirán un CD con fotografías do conxunto da exposición.

CARTEL

 

17Out 2017

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas bate un récord de participación cun total de 21 obras

A todos os motivos que fan especial este ano o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas engádese unha cifra récord de participación, cun total de 21 obras presentadas. O vindeiro 4 de novembro farase público o fallo do xurado, coincidindo cunha Cea das Letras tamén moi especial, xa que se celebrará no Centro Cívico de Malpica e incluirá unha homenaxe a Paco Souto. O que foi secretario da Asociación Cultural Caldeirón, organizadora do certame coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, foi un dos principais impulsores do premio. No acto do día 4 tamén se realizará a presentación de “O home invisíbel”, a obra gañadora do ano pasado, da autoría de Xabier Queipo.

O xurado, do que formara parte o propio Paco Souto xunto con Antón Noceda, técnico de Cultura do Concello de Malpica, e Mario J. Valeiro, gañador da edición anterior, valorou “a perfeita estructura do libro con elementos recurrentes en formación de bucle, así como o coidado uso da lingua a fornecer unha intensa e heterodoxa carga erótica”. O Concello de Malpica financia o premio, dotado con 1.000 euros, e a edición da obra.

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas cumpre 12 anos. A relación de gañadores das anteriores edicións é a seguinte:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xabier Queipo
12Out 2017

O Concello organiza para o 10 de novembro unha xornada informativa cun dos principais expertos na vespa asiática

O Concello de Malpica non só está a realizar un importante esforzo na loita contra a invasión da avespa asiática, senón que tamén quere incidir na información e na formación. Nesa dirección vai orientada a xornada divulgativa que se celebrará o vindeiro 10 de novembro, e que, grazas ás xestións realizadas polo alcalde, Eduardo Parga, contará coa intervención de Lolo Andrade, técnico de protección civil na loita contra a velutina e que está considerado como un dos principais expertos nesa especie invasora.

XORNADA VELUTINA

Ao mesmo tempo, desde a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil continúa traballándose na retirada de niños, que xa superan o medio cento no que vai de ano. A agrupación que coordina Iván Muiño dispón xa dunha pértega e de traxes específicos para a loita contra a avespa asiática facilitados pola Xunta de Galicia, e nestes momentos está a preparar novo material para poder chegar aos niños situados a moita altura e en lugares aos que non pode accederse en vehículo.

10Out 2017

Máis de 80 persoas de todas as idades participan este curso nos talleres de manualidades do Concello de Malpica

Un total de 82 persoas participan este curso nos talleres de manualidades organizados polo Concello de Malpica a través das concellerías de Cultura e Servizos Sociais.

INAUGURACION MANUALIDADES INFANTIL

Grupo infantil de manualidades

As actividades, que foron poñéndose en marcha nos últimos días, reúnen a persoas de todas as idades, desde nenas e nenos de tres anos ata maiores. Precisamente son estes últimos os que integran os grupos máis numerosos. O de Malpica, que ten como monitora a Lucía Villanueva, está formado por 25 persoas, e o de Buño, dirixido por Chelo García, conta con 15 alumnas. Os dous foron inaugurados polo alcalde, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, que reiteraron o seu compromiso cunha actividade que ten tanta demanda. Tamén asistiron ao comezo das clases para persoas con diversidade funcional, cun total de 10 participantes.

MANUALIDADES ADULTAS

Grupo de adultas

Pola súa banda, o departamento que dirixe Noelia Freijeiro completa a oferta con obradoiros dirixidos a nenos/as e adultos/as. Con entusiasmo e ganas de aprender cousas novas comezaron os 20 rapaces e rapazas de tres a dez anos de idade que teñen unha cita todas as semanas no Centro Cívico, e as últimas en incorporarse foron as 12 integrantes do grupo de adultas, que tamén chegaron con moitas ideas para desenvolver ao longo do curso.

Teatro
A oferta de actividades culturais inclúe tamén os obradoiros de animación teatral da Escola Municipal de Actividades Escénicas, que dirixe Silvia Losada no Centro Cívico e na que este ano participarán unha vintena de nenas e nenos divididos en grupos segundo as súas idades.

8Out 2017

O Concello de Malpica xestionou a posta en marcha dun servizo de atención aos veciños que teñen problemas co sinal de televisión

881 866 388

Os veciños de Malpica que teñen problemas co sinal de televisión dispoñen agora dun servizo telefónico no que se centralizarán todas as queixas para intentar determinar a orixe do problema e adoptar as medidas precisas para solucionalo. Grazas a este novo servizo, que entra en funcionamento despois de numerosas xestións realizadas polo alcalde, desde o goberno municipal agardan que poida poñerse fin ás deficiencias das que se veñen queixando varios veciños e veciñas.

O problema comezou no ano 2015. A raíz das protestas recibidas, o alcalde de Malpica púxose en contacto coa Dirección Xeral de Medios, que enviou un equipo móbil para realizar medicións do sinal en distintos puntos do concello. Segundo os datos recollidos nun informe que foi remitido posteriormente ao Concello, o sinal chegaba perfectamente a todos os recunchos. Pero o problema continuaba, e desde a Alcaldía continuaron a realizarse xestións ante os distintos organismos competentes para tratar de arranxalo.

Froito desas xestións, tal como explicou o propio Eduardo Parga, desde a Subdirección Xeral de Enxeñaría e Planificación de Radio, Televisión e Multimedia vén de poñerse a disposición da veciñanza de Malpica o número de teléfono 881 866 388. É moi importante que todas as persoas afectadas chamen a este número, xa que canta máis información se recolla máis doado resultará adiviñar a orixe do problema e poñerlle fin.

4Out 2017

O serbio Aleksa Strikovic acadou en Malpica o campionato do II Circuíto Intercomarcal de Xadrez Rápido

Ata Malpica achegáronse o sábado 62 xogadores cun nivel bastante forte encabezado polos Grandes Mestres Aleksa Strikovic e David Lariño (actual campión de España de xadrez rápido) contando tamén con 20 MI e 1MF ademais doutros fortes xogadores habituais do circuíto. Houbo participación de Ponferrada, Verín, Ourense, Vigo, Sanxenxo, Rianxo, Padrón, Santiago, Lugo, Ferrol, A Coruña, Cerceda, Arteixo, Carballo, Malpica, Mazaricos, Muxía, Corcubión e Muros. Repartíronse 800 € en premios máis trofeos (pezas de Olería de Buño), con 7 roldas en partidas de 10´+2″ e válido para ELO FIDE de rápidas. O local de xogo foi o pavillón municipal.

2

O GM Serbio Aleksa Strikovic (esquerda) gañou en Malpica e xa é campión do circuíto a falta da cita de Muxía

O GM Serbio Aleksa Strikovic (Chantada) con 6,5 puntos anotábase a súa 6ª vitoria no circuíto, co cal, a falta de unha proba, o día 12 en Muxía, xa é matematicamente o vencedor da xeral do II Circuíto Intercomarcal de Xadrez Rápido Deputación da Coruña, 2º con 6 puntos o MI Arián González (cubano que xoga no Liceo Ourensán), 3º Walter López (Xaquedrum) e 4º Eloy Sixto (Padrón) ambos con 5,5 puntos, 5º o MI Diego Espiñeira (Padrón), 6º Carlos Casares (C. Artes), 7º Alfonso López (Padrón), 8º MF Marcial García (Rianxo) , 9º Pablo Sánchez (Recatelo) 10º Jose Soneira (Cabo Touriñán) todos con 5 puntos foron os premiados da xeral, 11º tamén con 5 quedou o GM David Lariño (Xaquedrum) tras perder 2 partidas ante Alfonso e Iván.

Nos premios especiais e por categorías 1º sub-2000 foi Pablo Tubío (Padrón), 1º sub-1600 Claudio Reboredo (E.T.X.), 1º veterano Manuel Arias (Clubexa), 1ª feminina Paula Quintás (Xaquedrum), 1º sub-18 Daniel González (Carballo), 1º sub-16 Diego López (Padrón), 1º sub-14 Antonio Mallo (Algalia), 1º sub-12 Heriberto Rubial (Ponferrada), 1º sub-10 Xulio do Prado (Padrón), 1º sub-8 Darío Lema (Cabo Touriñán), 1º local Jose A. Cruz, 2º local Javier Fariña, 3º local Iago García, o vencedor do cheque-regalo de 20€ cortesía de Supermercados Gadis foi para Paco Leal.

CAMPION LOCAL JOSE ANTONIO CRUZ

Eduardo Parga e Miguel Fernández con José Antonio Cruz, vencedor local

Á clausura acudiron o alcalde, Eduardo Parga, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, que foron os encargados de entregar os premios. A organización do circuíto agradeceu a colaboración do Concello de Malpica, do concelleiro Iago Espasandín e de Paco Abella.

3Out 2017

O Ecomuseo Forno do Forte achega a Olería de Buño aos centros educativos de toda a provincia

O curso pasado visitaron o Ecomuseo Forno do Forte máis de 50 centros educativos da provincia cun total de 2.574 nenos e nenas de 3 a 17 anos. Aínda así, o complexo etnográfico non puido atender todas as peticións porque moitas visitas concéntranse a finais de curso. Para facilitar a todos os centros o coñecemento dun recurso de tanto interese e tan presente na sociedade durante séculos como a Olería de Buño, a dirección do Ecomuseo está a enviar cartas informativas a todos os colexios e institutos da provincia coa finalidade de planificar as visitas ao longo de todo o período académico.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

O ecomuseo ofrece aos estudantes a posibilidade de mergullarse na historia da nosa olería e na forma de vida dos antigos artesáns a través dun percorrido que a nosa guía, Lola Martínez, sabe facer interesante para todas as idades. Pero os nenos e nenas, ademais, poden converterse por un día en artistas do barro. Para os máis pequenos, o oleiro José Antonio Corral organiza obradoiros que se desenvolven no cabanote, e que permite que moitas e moitos deles teñan o seu primeiro contacto co barro. Cando os visitantes xa son alumn@s de instituto, o oleiro do Ecomuseo cédelles o seu posto no torno para que, coa súa axuda, poidan elaborar unha peza.

Nos vindeiros días os centros recibirán un envío que inclúe información sobre horarios, servizos e actividades que ofrece o Forno do Forte. De feito, o éxito do ecomuseo obedece en gran parte ao importante labor de difusión que se leva a cabo entre os centros de ensino, tal como explica o seu xerente, Paco Doval. Os colexios e institutos que estean interesados, pero tamén entidades ou grupos, poden facer a súa reserva a través do número de teléfono 981 711 520 ou no correo electrónico ecomuseo.fornodoforte@malpicadebergantinos.es.

Página 1 de 212