Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2016
  3. Abril

Abril 2016

29Abr 2016

Período medio de pago do primeiro trimestre do ano 2016

En cumprimento do establecido na Disposición adicional primeira da Lei Orgánica 9/2013 de Control da Débeda Comercial, procédese a dar publicidade á información relativa ao periodo medio de pagamento desta entidade correspondente ao  1º trimestre do exercicio 2016, calculado consonte ao establecido no RD 635/2014,de 25 de xullo, polo que se desenvolve a metodoloxía do cálculo do periodo medio de pagamento a provedores.

 

DATOS IDENTIFICATIVOS DO INFORME PERIODO MEDIO DE PAGAMENTO:

 

Código Corporación Local: 11-15-043-AA-000

Nome corporación local: Malpica de Bergantiños

Exercicio: 2016

Periodo: primeiro trimestre

 

RATIO DE OPERACIÓNS PAGADAS

11,76 días

IMPORTE DAS  OPERACIÓNS PAGADAS

       546.568,60 €

RATIO DE OPERACIÓNS PENDENTES DE PAGAMENTO

3,14 días

IMPORTE DAS  OPERACIÓNS PENDENTES DE PAGAMENTO

359.052,17 €

PERIODO MEDIO DE PAGAMENTO DA ENTIDADE

8,34 días

 

Malpica de Bergantiños, 22 de abril de 2016

O ALCALDE

Eduardo José Parga Veiga

28Abr 2016

Clausurada unha nova edición de Pequeoleiros coa entrega de diplomas, unha merenda e a exposición das pezas elaboradas

O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández e Marisol Blanco acompañaron aos escolares e ás familias no peche da actividade

pequeoleiros

Placas co nome para colocar na porta do dormitorio, taboleiros para xogar ao tres en raia, obxectos decorativos, lapiseiros… A creatividade dos máis escolares de Buño non ten límites, e durante os tres últimos meses tiveron a ocasión de darlle forma con barro no obradoiro Pequeoleiros, deseñado polo Concello de Malpica, a través do ecomuseo do Forno do Forte, e a ANPA Xaviña do colexio Joaquín Rodríguez Otero, para difundir a olería e conseguir que os nenos e nenas manteñan o contacto cunha tradición centenaria.

Os trece escolares de tres a doce anos que participaron no taller recibiron hoxe os seus diplomas. O alcalde, Eduardo Parga; os concelleiros Miguel Fernández e Marisol Blanco; o director do Ecomuseo Forno do Forte, Paco Doval, e o presidente da ANPA Xaviña, José Luis Villar, foron as persoas encargadas de entregarllos. Os nenos e nenas foron agasallados tamén con cadanseu lilo e cunha merenda na que non faltou de nada. Eles, pola súa banda, quixeron agradecer a paciencia do monitor, o oleiro José Antonio Corral, entregándolle unha caixa de bombóns.

A animada xornada rematou cunha visita dos convidados, entre os que se atopaban varias nais, á exposición que recolle os traballos realizados polos participantes no obradoiro.

25Abr 2016

Pequeoleiros, o obradoiro para escolares organizado polo Concello de Malpica e a ANPA Xaviña de Buño, chega á súa fin

Once nenas e nenos de cinco a doce anos participaron en talleres de olería dous días á semana durante máis de tres meses

SAMSUNG CAMERA PICTURES

Este mércores, día 27, chegará á súa fin Pequeoleiros, o programa deseñado polo Concello de Malpica, a través do ecomuseo do Forno do Forte, e a ANPA Xaviña do colexio Joaquín Rodríguez Otero, para difundir a olería entre os escolares de Buño e conseguir que os nenos e nenas manteñan o contacto cunha tradición centenaria que é, ademais, un dos sinais de identidade e un importante recurso económico e turístico de Buño e de todo o concello. Ao acto de clausura, programado para as 17 horas, está prevista a asistencia do alcalde de Malpica, Eduardo Parga.

Pequeoleiros desenvolveuse durante máis de tres meses nas instalacións da Casa do Oleiro, todos os mércores e xoves en horario de 16.50 a 17.50. O oleiro José Antonio Corral foi o encargado de transmitir os segredos da olería aos once nenos e nenas de cinco a doce anos de idade que participaron nesta edición da iniciativa, que rematará cunha exposición das pezas creadas polos escolares.

23Abr 2016

A Croa do Castro de Cerqueda acollerá a 11 Xornada de Billarda da Conferencia Noroeste

A Croa do Castro de Cerqueda será un dos lugares máis especiais onde a Liga Nacional de Billarda desenvolva unha das súas xornadas de promoción deste xogo tradicional. Desta maneira, promóvese o patrimonio arqueolóxico á vez que se intenta recuperar en Malpica de Bergantiños este xogo tradicional que contou con moitos participantes hai décadas.

presentación billarda croa do castro

Esta 11 Xornada da Conferencia Noroeste terá lugar o domingo 8 de maio a partir das 11 na parte superior (acrópole) deste xacemento castrexo. No caso de mal tempo, a actividade levarase ao pavillón polideportivo municipal de Malpica.

A organización corresponde á Liga Nacional de Billarda e conta coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, a través do seu departamento de Deporte, e das entidades UD Cerqueda, Asociación de Veciños Monte d’Arxa, Asociación Cabalar Os Veteranos e do Club Ciclista Castro da Croa.

Á parte da propia competición desenvolveranse actividades complementarias como unha parada ciclista e outra cabalar. Todas aquelas persoas da parroquia que queiran participar farano coa camiseta branca da UD Cerqueda, coa que, durante esta liga, promociona A Croa do Castro de Cerqueda. Ademais, no Centro Cívico de Malpica de Bergantiños abrirase na próxima semana a exposición “10 Anos da Liga Nacional de Billarda”, mostra que quedará aberta ata mediados do mes de maio.

Na mañá de hoxe sábado, realizouse a presentación do cartel desta 11 Xornada na propia Croa do Castro. Ao acto acudiron, como representantes municipais, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, o tenente alcalde, Miguel Fernández Miras e o concelleiro de Deporte, Iago Espasandín Varela. Do representante da Liga Nacional de Billarda, o larachés Xosé Collazo Regueiro. E, por parte da parroquia de Cerqueda, realizaron acto de presenza Manuel Chouciño Garrido, presidente da A.VV. Monte d’Arxa e representante do Club Ciclista Castro da Croa, José María Auñón Expósito, presidente da Asociación Cabalar Os Veteranos, Daniel García Reigía, representante da UD Cerqueda.

A inscrición é gratuíta e poderá realizarse no departamento de Deporte do Concello de Malpica no teléfono 981 720 001. Ou a través do representante da Liga Nacional de Billarda, Xosé Collazo Regueiro, 650 289 318. Haberá tres categorías: infantil para participante menores de 15 anos; adultos para maiores de 15 anos; e mulleres sen franxa de idade. Ademais, haberá un premio especial para o primeiro clasificado do concello de Malpica. O prazo límite de inscrición será o venres 6 de maio.

21Abr 2016

O Concello de Malpica substitúe 140 luminarias e os cadros eléctricos para mellorar a eficiencia enerxética

RENOVACION INSTALACIONS

O Concello de Malpica de Bergantiños segue a dar pasos para mellorar a eficiencia enerxética. Dentro do PAI 2015 acometeu o proxecto de renovación das instalacións de iluminación pública nos lugares de Mens, Asalo e O Miñón. En total foron substituídas 140 luminarias de vapor de sodio por un modelo de haloxenuros metálicos de 50 W e ademais reducíronse os cadros de mando de cinco a dous. Cada unha das novas luminarias incorpora unha resistencia electrónica que permite reducir o fluxo á metade a partir dunha hora determinada, neste caso as 02.00 horas, contribuíndo así ao aforro enerxético. O proxecto foi executado pola empresa Insmontel Cutrin SL cun orzamento de 54.309,40 euros (ive incluído).

O mesmo sistema de haloxenuros metálicos foi utilizado na renovación das luminarias do paseo marítimo de Malpica, dentro dunha actuación financiada con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental con 62.600 euros. A vantaxe dos haloxenuros metálicos é que ofrecen unha cor moi próxima ao branco, teñen unha eficiencia luminosa moi elevada, un rendemento cromático óptico e unha duración meda moi elevada.

19Abr 2016

Visita do xefe provincial do Servizo de Emerxencias á base de Protección Civil de Malpica

SAMSUNG CAMERA PICTURES

O xefe provincial do Servizo de Emerxencias, Víctor Pérez, e a xefa da área técnica de Emerxencias, María Jesús Leiras, visitaron hoxe a base da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica dentro dunha rolda de contactos que están a manter coas diferentes agrupacións da provincia coa finalidade de coñecer os medios dos que dispoñen, as súas necesidades e as posibles dificultades ás que se enfrontan no seu labor cotián. Os representantes da Administración autonómica estiveron acompañados polo concelleiro de Seguridade e primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, e polo presidente e o vicepresidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, Iván Muíño e Rubén Díaz, respectivamente, que lles ofreceron detallada información.

“A nosa intención é pulsar como están as 73 agrupacións que temos na provincia, ademais de aproveitar para visitar os GES e os parques de bombeiros”, explicou o xefe provincial, ademais de avanzar a súa intención de realizar novas visitas coincidindo “con operativos programados para ver como traballan e para estar cos voluntarios, porque tamén é unha forma de apoialos”. Víctor Pérez comentou ao respecto que o Servizo de Emerxencias ten en marcha nestes momentos unha campaña de promoción do voluntariado, e nese sentido destacou o importante labor que realizan agrupacións como a de Malpica, unha das poucas integradas exclusivamente por persoal voluntario.

Ademais de revisar as instalacións e os medios materiais da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica, o xefe provincial do Servizo de Emerxencias recompilou información de cara a elaboración dunha base de datos actualizada que permitirá coñecer en detalle a situación de cada agrupación e a dotación que teñen tanto de medios humanos como materiais.

 

18Abr 2016

O goberno local de Malpica aborda co conselleiro de Política Social a mellora dos servizos aos maiores

CONSELLEIRO 2

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, mantiveron hoxe unha reunión co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, dentro dunha rolda de xuntanzas orientadas a optimizar os recursos locais e autonómicos de cara a acadar melloras na atención e nos servizos sociais destinados á cidadanía.

Na reunión, celebrada en San Caetano e na que tamén participou o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, acordouse continuar coa colaboración entre as dúas Administracións. Neste sentido, na reunión fíxose un balance moi positivo da posta en marcha da escola infantil e do incremento de 70 horas no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ata acadar as 1.878 horas actuais, que benefician a 37 usuarios/as. Na mesma liña, o conselleiro comprometeuse cos representantes do goberno municipal de Malpica a realizar un novo aumento de horas que permitirá eliminar a lista de agarda actual.

O alcalde realizou una valoración moi positiva da ampliación das horas para poder dar resposta a todas as solicitudes. Así mesmo, Eduardo Parga presentou a José Manuel Rey a posibilidade de construción dun centro de día para maiores. A este respecto, o conselleiro avanzou que o seu departamento está a traballar na posta en marcha dunha nova rede de centros sociais, unha posibilidade que estudarán ámbalas Administracións coa finalidade de ver a viabilidade de incluír a Malpica nesa rede.

18Abr 2016

Chega a Malpica o proceso de participación pública na elaboración do Atlas das Paisaxes de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través do Instituto de Estudos do Territorio, está levando a cabo un proceso para fomentar a participación pública na definición de paisaxes que merecen unha protección especial e tamén para establecer que medidas se deben tomar. Nese contexto, o concelleiro de Urbanismo de Malpica, Iago Espasandín, informou de que maña martes celebrarase na Casa do Oleiro de Buño un obradoiro no que se explicará o funcionamento do programa habilitado pola consellería para que toda a poboación poida participar nese proceso. As persoas e/ou entidades interesadas poden achegarse á aula de informática da Casa do Oleiro ás 18.30 horas. A entrada é libre.

A Xunta ten habilitado un portal de Internet dentro do programa de promoción da participación pública na elaboración do Atlas das Paisaxes de Galicia, previsto dentro do convenio de colaboración entre o Instituto de Estudos do Territorio da propia Xunta e o Laboratorio do Territorio do GI Territorio e Biodiversidade da Universidade de Santiago de Compostela. A través deste portal calquera persoa poche achegar os seus obxectivos de calidade paisaxística, así como a súa valoración da paisaxe e das posibles medidas de protección, xestión e ordenación da mesma.

 

15Abr 2016

O Concello de Malpica formaliza a súa adhesión á Rede Dixital de Emerxencias de Galicia

RESGAL 1

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, fixeron entrega hoxe na Estrada de 239 terminais da Rede Dixital de Emerxencias de Galicia, RESGAL, a case un cento de concellos galegos, entre eles o de Malpica de Bergantiños. Ao acto asistiron o alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Seguridade, Miguel Fernández.

A entrega realizouse no marco dunha xornada formativa sobre a rede corporativa de comunicacións móbiles dixitais de emerxencias e seguridade de Galicia, que se celebra na Agasp e conta con máis de 300 participantes, entre servizos de emerxencias municipais e supramunicipais.

RESGAL integra, por primeira vez, nun mesmo sistema a todos os colectivos que participan na resolución das emerxencias. Unha rede única para facilitar unha intervención máis efectiva e eficaz dos efectivos implicados e simplificar as tarefas de coordinación entre eles.

Precisamente, Rueda explicou que na nova rede se están a integrar de xeito progresivo todos os efectivos de emerxencias de Galicia, desde bombeiros a policías, pasando por voluntarios de protección civil, os profesionais do 061 e polos axentes que loitan contra os incendios forestais.

A directora da Amtega, Mar Pereira, destacou que RESGAL emprega tecnoloxía TETRA, a máis punteira para este tipo de comunicacións, que garante a súa dispoñibilidade cando o resto de redes de telefonía móbil se colapsa, posibilita a xeolocalización en tempo real a posición de todos os dispositivos de emerxencia, os envíos de sms a persoas ou grupos, a consulta de bases de datos ou a gravación de conversas e o encriptado das comunicacións, garantindo a súa confidencialidade.

15Abr 2016

O Concello convoca o proceso de selección de dous auxiliares de policía local

Convocatoria proceso de selección de dous auxiliares de policía local para o Concello de Malpica de Bergantiños durante a época estival.

Mediante resolución de alcaldía nº 141/2016 de data de 14 de abril de 2016 se procedeu á aprobación das Bases para a selección de dous Auxiliar da Policía Local, en réxime de contratación laboral temporal, que desenvolverá o seu traballo no Servizo da Policía Local de acordo coas necesidades do servizo.

Duración contrato: dous meses (tempada estival ano 2016)

O prazo de presentación de instancias: 10 días naturais contados dende o día seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Diario La Voz de Galicia, todo isto de conformidade co establecido no punto terceiro (presentación de instancias) das bases que rexen a convocatoria.

As bases da convocatoria atópanse nas oficinas xerais do concello de Malpica (teléfono: 981-720001).

O alcalde,

Eduardo José Parga Veiga

Página 1 de 212