Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Xunta asegura que os traballos para o apuntalamento da dársena de Malpica comezarán a vindeira semana

1Xuñ 2021

A Xunta asegura que os traballos para o apuntalamento da dársena de Malpica comezarán a vindeira semana

Os traballos para o apuntalamento da dársena de Malpica comezarán, segundo asegurou a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, a partir da semana que vén.

Esta confirmación chegou durante unha reunión que mantivo en Santiago o alcalde, Walter Pardo, coa titular do organismo autonómico. Nesta xuntanza abordáronse diversas problemáticas que afrontan os espazos portuarios do municipio para intentar atopar unha solución o antes posible.

Entre as prioridades para o goberno local e a veciñanza de Malpica está a reapertura da vía que une o porto e a lonxa, que necesita duns traballos de apuntalamento para poder asegurar as súas condicións de circulación. Segundo explicou a presidenta de Portos de Galicia, o inicio dos traballos preparativos para esa intervención está marcado na primeira quincena de xuño.

O rexedor malpicán trasladou unha vez máis a “preocupación de moitas familias que dependen directa e indirectamente desta actuación” e instou ó organismo a rematar os traballos no menor tempo posible.

Por outra banda, tamén se insistiu na necesidade de buscar unha solución para as saídas da dársena coa que asegurar as condicións de seguridade das embarcacións e do persoal a bordo. Portos de Galicia afirmou ter en marcha estudos técnicos para reducir este risco.

Entre os temas tratados tamén estivo a urxencia de aprobar un convenio para regular o uso dos espazos portuarios para outras actividades, a autorización para a pesca deportiva en algunhas zonas dos portos e o arranxo da grúa do porto de Barizo.

Infraestruturas do porto

O alcalde, Walter Pardo, tamén solicitou a colaboración do ente autonómico para lograr a substitución de parte do mobiliario do porto malpicán que se atopa a carón da dársena seca.

Neste sentido, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, comprometeuse a estudar a opción de substituír os elementos deteriorados por outros cun material que poida manterse mellor conservado.