A Croa do Castro estreouse con numerosas visitas guiadas para turistas
O programa de visitas estaba incluído na Mostra da Olería 2015
O pasado sábado, a Croa do Castro de Cerqueda acolleu un programa de visitas guiadas en horario de mañá e tarde. Os primeiros grupos viñan na viaxe en tren desde Malpica de Bergantiños en horarios de 11 e 18 h. As outras dúas sesións, foron a partir de 11.45 e 18.45 dentro da actividade Croa Aberta. As visitas foron monitorizadas por Xosé Manuel Varela Varela, asesor en documentación local para o proxecto Croa do Castro de Cerqueda.
Ó longo das catro sesións de visitas guiadas acudiron a este recinto da Idade de Ferro unhas 73 persoas. Fundamentalmente foron grupos de pais con fillos e todas eran de orixe galega. Os visitantes de orixe máis distante eran da provincia de Lugo. Os máis próximos eran de Malpica, Ponteceso, Carballo e Coristanco.
Entre as percepcións que amosaron os visitantes foi a grandeza do xacemento así como a súa situación estratéxica que lle permite ter unha ampla visión panorámica desde o contorno e coa cal se domina gran parte da comarca de Bergantiños (terras de Malpica, Carballo, Ponteceso e Cabana) e se albiscan as terras de Soneira. Outras curiosidades que preguntaban era saber a titularidade da parcela e se neste castro viviran os celtas.
Os visitantes foron informados ademais das lendas que aínda perviven na memoria oral dos habitantes de Cerqueda e da rede de castros que, non moi distantes, serían as aldeas que poboaban as hoxe parroquias de Cerqueda, Cambre e Malpica.