Os campións mundiais demostraron a súa superioridade no I Master Futbolín Malpica, que reuniu aos mellores xogadores do país
A parella formada por Pedro e Juandi, posuidora do título do Campionato Mundial de Futbolín e Punta Umbría, demostrou no I Master Futbolín Malpica a súa superioridade, no que se proclamaron gañadores da categoría Pro, que equivale á primeira división do futbolín, na modalidade de movemento. Na categoría máster os campions foron Lupi e Pérez. Na modalidade de parado, os campións absolutos foron Alberto e Merose, mentres que en máster impuxéronse Unai e Albano.
Oitenta parellas de toda España participaron durante a fin de semana no I Master Futbolín Malpica, unha iniciativa conxunta de Recreativos A Velas Vir, Tsunami Futbolín e A.D. A Pedreira na que colaborou o Concello de Malpica. O porto converteuse no escenario dunha competición que nos permitiu ver en acción ás mellores parellas do país, e que volveu a encher de animación a nosa vila despois dun mes de agosto de récord. Os concelleiros Iago Espasandín e Miguel Fernández, xunto cos membros da organización, foron os encargados de entregar os trofeos aos gañadores.