O I Master Futbolín Malpica reunirá esta fin de semana aos mellores xogadores do país
Xogadores de toda España participarán esta fin de semana no I Master Futbolín Malpica, unha iniciativa conxunta de Recreativos A Velas Vir, Tsunami Futbolín e A.D. A Pedreira na que colabora o Concello de Malpica. Será unha oportunidade única para ver en acción ás mellores parellas do país, xa que por Malpica pasarán os actuais campións e varios excampións do Campionato Mundial de Futbolín de Punta Umbría (Huelva), que se celebra desde hai 25 anos.
O I Master Futbolín Malpica celebrarase o sábado e o domingo no porto, e ademais dunha interesante competición que se disputará mañá a partir das 11 horas e o domingo a partir das 12, tamén haberá gastronomía e música.
O prazo de inscrición remata hoxe venres ás 21 horas, e pode realizarse no teléfono 661945828. A cota é de 50 euros por parella para as dúas modalidades establecidas: movemento e parado. A organización repartirá 4.000 euros en premios.