Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Ecomuseo Forno do Forte achega 14 pezas de olería á exposición “Pensar coas mans”, que será inaugurada o venres no Museo Centro Gaiás

9Abr 2019

O Ecomuseo Forno do Forte achega 14 pezas de olería á exposición “Pensar coas mans”, que será inaugurada o venres no Museo Centro Gaiás

Unha cazola, un xerro, un pucheiro, un barreño, unha tarteira, unha chocolateira, unha escudela, unha cunca, un cunquelo, unha cacheleira, unha fonte, un falsete, un botixo de rosca e unha buxina son as 14 pezas da segunda metade do século XIX e do século XX que representarán á Olería de Buño na exposición “Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia”, que será inaugurada este venres 12, ás 12.00 horas, no Museo Centro Gaiás.

CARTEL

Ata Santiago de Compostela desprazarase o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que participará no acto de apertura da exposición xunto aos conselleiros de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, entre outras autoridades.

A exposición, organizada pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia e a Secretaría Xeral de Igualdade, propón unha viaxe no tempo a través de 250 pezas da artesanía galega. Entre elas estarán as 14 cedidas polo Ecomuseo Forno do Forte da súa colección de olería tradicional. A mostra poderá visitarse ata o 8 de setembro de 10.00 a 20.00 horas.

A tradición oleira de Buño remóntase á etapa prehistórica coa creación dos primeiros cacharros feitos a man. Pero foi nos séculos XVIII e XIX cando acadou a súa idade de ouro. Grazas a un arduo traballo de recuperación e á inestimable colaboración dos artesáns e veciños/as da localidade, na actualidade podemos desfrutar dunha das coleccións de pezas tradicionais máis antigas e voluminosas da nosa olería, custodiadas no Ecomuseo Forno do Forte e divididas, segundo a clasificación realizada no seu momento por Luciano García Alén, en tres series: ancestral (anteriores ao ano 1700), antiga (do 1700 ao 1900) e moderna (posteriores ao ano 1900).