O concerto didáctico “De aquí para alá” permite viaxar ao alumnado de Malpica a través dos sons de todo o mundo
O espectáculo está incluído dentro da programación “Malpica nun mar de letras 2022” que se desenvolve no mes de maio
O concerto didáctico “De aquí para alá”, representado hoxe no Auditorio do Centro Cívico, tivo como público o alumnado de diferentes centros educativos de Malpica.
Así, a primeira hora as nenas e nenos do CEIP Joaquín Rodríguez Otero e das escolas unitarias de Mens e Barizo, do CRA A Nosa Señora do Faro; e posteriormente o do CEIP Milladoiro gozaron desta viaxe polo mundo a través da música.
O espectáculo creado por Lydia Botana permite que o público poida aprender características e peculiaridades de diferentes partes do planeta a través dos seus sons.
Esta representación está incluída dentro da programación do mes de maio coa que o Concello celebra o Día das Letras Galegas: “Malpica nun mar de letras 2022”.