Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 18°
15°
Sábado 20°
16°
Domingo 19°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello pide á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade unha serie de melloras para incrementar a seguridade na contorna dos centros públicos da localidade

11Feb 2021

O Concello pide á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade unha serie de melloras para incrementar a seguridade na contorna dos centros públicos da localidade

O Concello de Malpica pediulle á consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia unha serie de melloras para incrementar a seguridade na contorna dos centros públicos da localidade. 

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, mantivo este mediodía unha xuntanza telemática con Ethel Vázquez, onde lle transmitiu tamén a necesidade de renovación en materia de infraestruturas e saneamento en varios puntos do municipio. 

Así, o rexedor malpicán fixo especial fincapé nos proxectos que se centran nos arredores do CEIP Milladoiro e no colexio de Buño, para solicitar así melloras en materia de seguridade viaria. 

“No 2018 estaba proxectada xa unha rotonda na recta do colexio Milladoiro, e cremos que é unha infraestrutura necesaria porque aínda que a zona está limitada a 50 quilómetros por hora, consideramos prioritario contar con outro elemento que axude a frenar aínda máis a velocidade en favor da seguridade da rapazada”, comentou o edil, quen engadiu tamén que “sería bo contar cun paso de peóns iluminado na estrada AC-420 que vai ao centro público de Buño”, insistiu o alcalde. 

Ademais, comentouse a posibilidade de actuar na senda peonil na marxe esquerda da AC-418 desde o punto quilométrico 9 ata o punto quilométrico 10, así como no tramo que conecta a rotonda de Buño co Polígono Industrial. Estas propostas foron remitidas á Consellería o remate da xuntanza, e o alcalde aproveitou para “agradecer a disposición de ter atendido as demandas de Malpica nun contexto tan complicado como este”, aseverou Pardo. 

Melloras de saneamento

Unha das prioridades na nosa liña de traballo é o saneamento para todas as parroquias, desactualizado os tempos que corremos en moito dos seus puntos, “Prioritario sería intervir en Vilanova, no núcleo urbano de Beo”, comenta o alcalde, quen anuncia que contan coas opcións dunha EDAR propia ou un sala de bombeo para subsanar as deficiencias. 

Así, comentou tamén a necesidade de mellorar a EDAR de Buño, e conectar a rede entre Vilarnovo e Seixas, que “caería por gravedade e tan só habería que conectar ambas”, sinalou o rexedor. 

O alcalde anunciou, nesta videoconferencia, que “a finais de mes entregarannos o Plan Director para coñecer as necesidades que ten a nosa localidade en materia de saneamento, e darémolo a coñecer para así coordinar diferentes axudas e dar o servizo que Malpica se merece”, finalizou.