Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 15°
10°
Mércores 14°
10°
Xoves 14°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello favorecerá a conciliación de 30 familias do municipio co lanzamento do seu campamento urbano de verán

24Xul 2021

O Concello favorecerá a conciliación de 30 familias do municipio co lanzamento do seu campamento urbano de verán

As solicitudes poderán tramitarse no departamento de Servizos Sociais do Concello entre o 26 e o 30 de xullo.

Promover a conciliación, a valoración da contorna e hábitos de vida saudables. Eses son os obxectivos que o Concello de Malpica busca alcanzar co lanzamento do seu campamento urbano de verán, no que poderán participar 30 nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. O concelleiro de Benestar e Promoción Económica, Sergio García Villar, incide na intención do goberno local de “por en marcha medidas e iniciativas e favorezan a conciliación da vida laboral e familiar, máis aínda na situación sanitaria actual”.

O programa, 100% gratuíto, terá lugar de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas, arrincando o 2 de agosto e prolongándose ata o 31 dese mesmo mes. Ao longo das 22 xornadas de campamento, os nenos e nenas participarán en actividades de expresión artística, saídas de coñecemento e valorización da contorna, accións de sensibilización ambiental, papiroflexia, xogos na praia, e propostas vinculadas tamén á igualdade de xénero. Así mesmo, o 20 de agosto, os cativos e cativas participarán no XX Concurso de Barcanas e Castelos de Area Praia de Area Maior. A base dos campamentos será o Centro Cívico de Malpica, pero para realizar todas estas propostas levaranse a cabo tamén saídas á contorna.

As solicitudes poderán tramitarse no departamento de Servizos Sociais do Concello (1º andar do Centro Cívico) entre o luns, 26 de xullo, e o venres, día 30. Para acceder a toda a información sobre a convocatoria e á solicitude podedes facer clic na ligazón.

Protocolo covid-19

O campamento urbano de Malpica levarase a cabo atendendo a un estrito protocolo de seguridade para reducir o risco de contaxio pola covid-19. Deste xeito, o Concello establecerá unhas medidas para a entrada e a saída dos nenos e nenas da instalación. Estas incluirán a identificación de cada participante e da nai/pai que recolla ou deixe á crianza. O documento de seguridade sinala, así mesmo, o control de temperatura á entrada da actividade, a desinfección de mans e o uso da máscara segundo indica a normativa en vigor.