O Concello e a Asociación de Hostalaría de Malpica buscan dinamizar o sector coa axuda da Deputación da Coruña
O Concello e a Asociación de Hostalaría de Malpica traballan conxuntamente na dinamización do sector, un dos máis castigados pola crise sanitaria da covid-19. A agrupación, constituída a principios deste ano, busca que todos os negocios do municipio progresen conxuntamente no eido económico e formativo.
Con ese obxectivo, representantes de ambas organizacións mantiveron esta mañá un encontro na Deputación da Coruña con Antonio Leira, titular de Economía, Facenda e Persoal. Nunha xuntanza de carácter orientativo e de asesoramento, desde a asociación consultaron a viabilidade dunha serie de propostas coas que reactivar e potenciar a súa actividade económica.
Unha vez formada, a asociación pode optar a subvencións coas que sufragar, por exemplo, cursos formativos para os seus traballadores ou outras accións conxuntas de promoción. Na actualidade, a Asociación de Hostalaría de Malpica está formada por máis de 60 negocios de todo o municipio.
Desde o goberno local destacan “a disposición da Deputación da Coruña á hora de ofrecer asesoramento a unha agrupación que pode dinamizar enormemente a actividade económica do noso municipio”. Do mesmo xeito, agradeceron a “vontade de cooperación da Asociación de Hostalaría co Concello”, xa que “ambas organizacións buscamos que Malpica e a súa veciñanza progrese en todos os ámbitos”.