O Concello de Malpica finaliza a primeira fase das obras de saneamento en Seixas e Vilarnovo
- O investimento total da obra foi de 105.304,53 euros
Imaxe correspondente ao proceso de execución das obras xa finalizadas que foi financiada pola Depuación da Coruña
O Concello de Malpica de Bergantiños anuncia a finalización da primeira fase das obras de saneamento nas localidades de Seixas e Vilarnovo. Estas actuacións, que contaron cun orzamento de 105.304,53 euros, foron financiadas a través do Plan POS+ 2023 e executadas pola empresa SYR-AMGS.L.
Os traballos desta fase consistiron na instalación de novas tubaxes para a recollida e canalización das augas residuais, así como na construción de pozos de rexistro en puntos estratéxicos da rede. Ademais, leváronse a cabo tarefas de apertura de zanxas en zonas pavimentadas, co seu posterior recheo e compactación, e a reposición dos pavimentos afectados, tanto en superficies asfaltadas como de formigón, garantindo a seguridade e durabilidade das infraestruturas renovadas. Para asegurar o correcto funcionamento da nova rede, realizáronse tamén probas de estanqueidade das tubaxes.
Esta actuación supón un importante avance no obxectivo do Concello de modernizar as infraestruturas de saneamento, mellorando a xestión das augas residuais e contribuíndo á protección do medio ambiente.