O Concello de Malpica conmemorará o 70º aniversario das dúas visitas ornitolóxicas de Francisco Bernis ás illas Sisargas
Nos meses de febreiro e xuño de 1948, o doutor en Zooloxía e fundador da Sociedade Española de Ornitoloxía SEO/BirdLife Francisco Bernis Madrazo realizou sendas visitas ornitolóxicas ao arquipélago das Sisargas. Tras ese traballo de campo, publicou dous artigos no Boletín de la Real Sociedad Español de Historia Natural que son considerados estudos ornitolóxicos pioneiros sobre estas illas. Agora, dentro da colección Costa da Morte de Edicións Embora, o divulgador ambiental Antonio Sandoval e o divulgador cultural Xosé Manuel Varela rescatan nun libro pensado para público xeral ambos textos acompañados dun manuscrito coas notas de campo nas Sisargas do propio Francisco Bernis.
Pero a reedición do libro non será a única actividade de homenaxe nesta data cando xusto se cumpren xusto 70 anos desas dúas visitas de Bernis ás Sisargas. Así, o Concello de Malpica de Bergantiños organizou para o domingo 3 de xuño uns actos conmemorativos para un persoeiro que colocou nun lugar importante a Malpica de Bergantiños dentro do mapa da ornitoloxía española.
A xornada abrirase de mañá cun percorrido turístico na que participarán as dúas fillas de Francisco Bernis, Carmen e Cristina Bernis Carro, acompañadas de Eduardo Parga, Antonio Sandoval e Xosé Manuel Varela. Nel visitarán a vila oleira de Buño, a contorna do faro Nariga e rematarán na cabo Santo Hadrián para contemplar de primeira man as Sisargas como espazo de traballo de seu pai.
Ás cinco da tarde, no salón de actos da Casa do Pescador desenvolverase o principal acto institucional de conmemoración deste «70 aniversario de Francisco Bernis nas Sisargas». Iniciarase coa presentación do libro «Francisco Bernis, Las islas Sisargas en 1948. Dos visitas ornitológicas». Na mesa de presentación, presidida polo alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, participarán os editores do libro, Xosé Manuel Varela Varela e Antonio Sandoval Rey; Ramón Martí Montes, director de desarrollo institucional da Sociedad Española de Ornitología SEO/BirdLife; Álvaro Barros López, vogal da Sociedade Galega de Ornitoloxía; e Carmen e Cristina Bernis Carro.
Os actos pecharanse coa entrega de agasallos institucionais conmemorativos deste aniversario á familia de Bernis de man do máximo mandatario malpicán, Eduardo Parga Veiga.