Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
Martes 14°
Mércores 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello de Malpica conmemora o 25N coa lectura dun manifesto e a publicación de dúas testemuñas de mulleres vítimas da violencia

25Nov 2023

O Concello de Malpica conmemora o 25N coa lectura dun manifesto e a publicación de dúas testemuñas de mulleres vítimas da violencia

Hoxe, a praza Villar Amigo, acolleu un acto polo Día Internacional da Violencia contra a Muller que comezou coa petición da Concelleira de Igualdade, Marisol Blanco Gorín, de gardar un minuto de silencio polas 52 vítimas. Despois procedeu a ler o manifesto institucional contra a violencia de xénero, baixo o lema “Muller na sombra. Podes saír da escuridade”.

Ao acto acudiron os membros da corporación municipal e veciños e veciñas da nosa vila que quixeron sumarse ao evento.

Nas redes socias o Concello de Malpica deuse a coñecer o duro testemuño de dúas mulleres que quixeron contar a experiencia para demostrar que se pode saír da sombra, que hai moitas maneiras de vivir pero que ningunha desas maneiras é soportando malos tratos, dá igual que sexan físicos ou psíquicos. Dende o consistorio queremos deixar constancia que para preservar a súa identidade os nomes son ficticios.

A concelleira de Igualdade do Concello de Malpica, Marisol Blanco Gorín, agradeceu a confianza depositada nela, para darlle voz e poder contar as súas historias, unha parte moi íntima das súas vidas.

Manifesto:

Belén, Eva, Natalia, Elisabeth, Paloma, Caterina, Beatriz, María del Carmen… e así ata chegar a 52. Estes que escoitan son os nomes dalgunhas das mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas no que levamos de ano en España. Por desgracia, de aquí a que remate o 2023 a lista seguramente aumente.

51 só é un número. Detrás del hai 51 historias. Detrás del hai 51 menores que quedaron orfos. 51 mulleres ás que lle arrebataron a vida de maneira inxusta.

Son cifras moi preocupantes porque as mortes son a cima dunha montaña moi alta na que antes de chegar á violencia física, se pasa por outras estacións.

A violencia machista non só son os golpes: falamos do control que exerce a parella sobre a muller; do illamento da muller (que non saia coas amigas, que non vaia coa súa familia); de chantaxe e culpabilización para que pareza que ela sempre é a mala da película; de desvalorizar os seus logros, de humillala e insultala; de ameazala; de agredila sexualmente; de pegarlle e, por último, no peor dos casos, falamos de asasinala.

Soa duro, pero esta é a realidade e temos que facer algo para cambiala. A nosa sociedade non pode seguir permitindo que haxa homes que maltraten ás mulleres polo simple feito de selo. Debemos conseguir un mundo no que as mulleres poidan andar tranquilas, sen medo, e teñan as mesmas oportunidades que os homes. Debemos educar a todos os nenos e nenas dende o respecto e a educación para que se traten sempre ben independentemente do seu xénero.

Por iso hoxe estamos aquí, para recordar a todas e cada unha das 51 vítimas mortais de violencia machista que se contabilizaron este ano. Para apoiar a todas aquelas mulleres que están sufrindo neste preciso momento calquera tipo de violencia xa mencionada, incluso violencia económica ou violencia vicaria. Para recordarvos que tedes o concello á vosa disposición para axudarvos no que precisedes. Tamén tedes outros recursos como o teléfono 016, que é gratuíto e non queda rexistrado na factura de teléfono ou a aplicación AlertCops, que envía a dirección na que te atopas nese momento aos corpos de seguridade en caso de emerxencia. Calquera familiar, amigo, amiga que saiba dalgún caso que teñan preto: escóitea e teña paciencia. Conseguir saír dunha relación de maltrato é un camiño longo e lento.

Dende o concello, o día contra a violencia de xénero é todos os días. Conmemorámolo hoxe, pero loitamos día a día para conseguir que sexa un espazo libre de violencia machista. Non estades soas, estamos aquí con vós para o que precisedes.

María é unha muller próxima á cincuentena, a primeira vista é unha muller forte, con moito carácter e decidida.

Comeza a narrar a súa historia dunha maneira impersoal, con frialdade, pero segundo vai profundando e lembrando detense, pois, os recordos fana quedar calada e respirar fondo antes de proseguir.

A familia de María é de orixe humilde, sen problemas económicos, pero tampouco era que sobrase o diñeiro. Os seus pais foran emigrantes nos primeiros anos de matrimonio, pero María apenas é consciente desa época, era moi pequena cando decidiron retornar a España e reunir á súa familia, debido a que ela e os seus irmáns quedaran ao coidado dos avós, este feito era moi frecuente por aquel entón.

“ Cando os meus pais retornaron de Inglaterra os meus irmáns e eu fómonos a vivir con eles, estamos a falar de finais da década dos 70, naquel momento ninguén falaba dos malos tratos, non había ningún tipo de información respecto diso.

Lembro a primeira vez que oín berros na miña casa, na miña vida anterior, por dicilo dalgunha maneira, non oiramos un berro, unha palabra máis alta que outra, eramos nenos educados, que medráramos, ata aquel momento, rodeados de agarimo e porqué non dicilo, quizais algo consentidos por estar os nosos pais lonxe. Á fin e ao cabo, eramos unhas crianzas que despois do colexio xogabamos, faciamos as nosas tarefas e poida que fósemos algo travesos, pero nada fóra do normal, e menos para que nos berrasen ou pegaran, cousa que se fixo habitual no noso día a día. Daba igual, a labazada podíache vir por calquera motivo, hoxe en día penso que pagaban as súas frustracións connosco.

O meu pai era unha persoa moi irascible, que nos berraba, insultaba e menosprezaba continuamente, non só a nós, tamén o facía coa nosa nai. Lembro a primeira malleira que lle deu na nosa presenza, non tivo piedade; partiulle un beizo, tivo un lado da cara morado  e un ollo pechado que apenas podía abrir polos golpes que recibira, á vez que a insultaba chamándoa puta, que non servía para nada, que o único que facía era vivir á sopa boba. Ás poucas horas estaba a facerlle contos e mimos coma se non pasase nada. Este feito repetiuse moitas veces durante anos. Sabes, o peor? Miña nai, en lugar de tentar protexer, pagaba a súa frustración con nós, golpeándonos e insultando.

Hoxe en día seriamos considerados unha familia desestructurada, levaríannos os servizos sociais a unha casa de acollida ou poñeríanos baixo a protección dos nosos avós ou algún familiar, porque supoño, supoño, que algún veciño denunciaría estes feitos; por aquel entón non se denunciaba, aínda que realmente se soubese con certeza o que sucedía e cónstame que algún que outro veciño era coñecedor… pero, … que podían facer?

Marcáronnos de por vida, e , bastante ben saímos a pesar do ambiente tóxico no que nos criaron, todos fomos marchando da casa moi novos, sen mirar atrás o que máis e o que menos fuxindo desa vida.

Casei moi nova, pero tiña a seguridade que se algunha vez a miña parella me levantaba a man sería a primeira e última vez, se llo facía a un dos nosos fillos o mesmo. Xamais o fixo, ao contrario, creo que se algunha vez sentise ou sente a tentación de golpearme a min ou a un dos nosos fillos marcharía da casa, sen necesidade de botalo. Porque? Porque sempre soubo como fora a miña infancia e os meus primeiros anos de mocidade e a terapia que necesitei para quererme e sacar todos os demos que había no meu interior, e dende logo non ía permitir que a historia repetísese.

Aínda que da impresión de que son moi forte, non o son tanto, a día de hoxe creo que non os perdoei por foderme a vida dese xeito, por facerme sentir inferior, por non deixarme liberdade para poder medrar persoalmente, algo que fixen despois.  O meu pai faleceu hai uns anos e a relación coa miña nai, aínda que soe moi frío, é cordial e educada, simplemente así.

Hoxe son unha muller feliz, síntome realizada, orgullosa do que conseguín pola min  mesma, porque tardei moitos anos en darme conta da miña valía e sei certamente que calquera cousa que me propoña podo lograla e se dubido teño á miña familia para apoiarme e darme ánimo porque confían en que serei capaz “.

Carmen é unha muller que segundo camiña cara ti emana vida, alegría e forza. A primeira vista, sen coñecela, a súa actitude demostra que é unha loitadora, que non se rende con nada nin con ninguén.

Carmen, como calquera muller nova casou namorada da súa parella, nada lle facía pensar o que máis tarde acontecería na súa convivencia ata o día que dixo basta, ata que saíu daquela cárcere á que se condenou sen cometer ningún delito, tan só compartir a súa vida coa persoa equivocada.

“ Non quero falar mal de ninguén, tan só contar a miña historia e lanzar a mensaxe a todas as mulleres que están sufrindo calquera tipo de violencia. Non aguantedes, non vos manteñades caladas, canto antes acabedes con esa relación primeiro seredes capaces de rexurdir e reconducir a vosa vida.

Eu mantívenme calada demasiado tempo, oculteino a todo o mundo, aínda hoxe en día o sabe moi pouca xente, tan só un círculo moi reducido das miñas amizades e familiares son coñecedores do que sufrín durante varios anos. Sufrín malos tratos físicos, económicos e psicolóxicos, contábame ata o último céntimo, dábame o diñeiro xusto e eu tiña que darlle o que me sobraba e o recibo de compra, evitaba estar na casa cando el descansaba porque os nenos molestábanlle, evitaba enfrontarme con el para non recibir un empuxón, unha labazada ou un insulto, evitaba tantas cousas, tantas situacións, tantos enfrontamentos e todo para que os meus fillos non fosen conscientes de como era realmente o seu pai, vivía atemorizada. O día que dixen ata aquí foi porque me agrediu diante dos meus fillos, e un deles comezou a darlle puñadas e patadas para que me soltase, tentando defenderme da agresión que estaba a sufrir por parte do seu pai, e o pai o empurrou, aí, nese preciso momento tomei a determinación de deixalo e marchar, non quería que aquilo se repetise diante dos pequenos, non quería ese tipo de vida para eles. Ao día seguinte saín da vivenda conxugal para non volver, recollín todo o que puiden, só cousas persoais a miña roupa e a dos nenos, nada máis, e, pechei esa porta para sempre. ….Onde ía ir? Pois a casa da miña nai, onde estiven unha tempada ata que puiden alugar unha vivenda para min e os meus fillos. Como podes supoñer divorciámonos, por suposto tentou que volvese con el, pero tiña moi claro que non o faría; por rexeitalo tentou facerme a vida imposible durante anos, denuncias, avogados etc. Aínda así, xamais impedín que os nenos tivesen contacto co seu pai, ao contrario, sempre fun flexible co tempo que compartían, co réxime de visitas establecido, porque sempre antepuxen a súa felicidade e benestar ao meu, e se eles querían ir velo non ía ser eu quen llo impedise, non vou xulgar se é