O Concello de Malpica abre o prazo de inscrición para o Taller de Manualidades o 16 de setembro
O Concello de Malpica de Bergantiños, a través da Concellería de Servizos Sociais e en colaboración coa Deputación da Coruña, vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición para o Taller de Manualidades 2024/2025, que se impartirá tanto en Malpica como en Buño. Esta iniciativa está dirixida a fomentar a creatividade e o desenvolvemento persoal da veciñanza de Malpica a través de actividades manuais, favorecendo así espazos de aprendizaxe e socialización.
As sesións terán lugar os martes e xoves a partir do 1 de outubro e desenvolveranse en dous puntos do municipio:
- En Buño, o taller celebrarase na Casa do Oleiro en horario de 15:45 a 17:45 horas.
- En Malpica, as sesións serán na Aula de Lecer do Centro Cívico, de 18:00 a 20:00 horas.
O prazo de inscrición estará aberto do 16 ao 30 de setembro. As persoas interesadas poderán formalizar a súa participación acudindo ao Departamento de Servizos Sociais do Concello ou chamando ao teléfono 981 720 280.
Para poder levar a cabo a actividade, será preciso contar cun mínimo de oito participantes por grupo.