Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Domingo 12°
Luns 15°
10°
Martes 16°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. O Concello acada a ampliación dunha liña de autobús con 16 novas paradas para o IES Eduardo Pondal

11Xan 2025

O Concello acada a ampliación dunha liña de autobús con 16 novas paradas para o IES Eduardo Pondal

Os malpicáns estudantes de bacharelato dispoñen de unha liña gratuíta ata Ponteceso a partir do próximo luns.
  • O alcalde, Eduardo Parga, xestionou persoalmente unha medida coa que se atenderá ao alumnado da vila de Malpica e das parroquias de Leiloio, Cambre, Cerqueda, Barizo e Mens.
  • A nova liña estará activa desde o vindeiro luns, día 13 de xaneiro, e funcionará de luns a venres ao longo de todo o curso escolar.

Malpica, 10 de xaneiro de 2025 – A mocidade de Malpica, grazas ás xestións realizadas personalmente polo alcalde, Eduardo Parga, poderá beneficiarse, a partir do vindeiro luns 13 de xaneiro, da ampliación dunha liña de autobús que conecta o municipio co IES Eduardo Pondal de Ponteceso. Esta mellora permitirá un acceso máis cómodo e eficiente ao centro educativo, especialmente para o alumnado matriculado nas ensinanzas non obrigatorias.

Ademais, os mozos e mozas do municipio poderán empregar desde esa mesma data a tarxeta Xente Nova, gozando así das vantaxes económicas que facilita esta iniciativa da Xunta de Galicia.

A liña, que agora chega ata a parada das Rabuceiras, na parroquia de Leiloio, contará con 16 novas paradas na localidade, atendendo ás parroquias de Leiloio, Cambre, Cerqueda, Barizo e Mens, así como á contorna da vila. As paradas que se incorporan son:

  • As Rabuceiras
  • A Trémoa
  • Cambre (igrexa)
  • Loutoño
  • A Aldeola
  • Cerqueda
  • Vilarnovo
  • A Camuza
  • Malpica
  • Ventorrillo
  • Cancela de Areas
  • Seaia
  • Cruce Santo Adrián
  • Barizo
  • Porto do Fondo
  • Mens

Os horarios están adaptados ás xornadas lectivas do instituto, mantendo as paradas e os horarios existentes no tramo de Ponteceso. O servizo funcionará de luns a venres durante o curso escolar, con saídas cara ao IES Eduardo Pondal ás 08:00 horas e regreso ás 14:10 horas. Os luns pola tarde, ofreceranse servizos adicionais ás 15:45 horas e ás 18:05 horas.

O Concello anima a toda a veciñanza a consultar os detalles dos horarios e servizos na páxina web www.bus.gal ou na aplicación móbil Transporte Público de Galicia.

Esta ampliación da liña de autobús reflicte, en verbas do rexedor, Eduardo Parga, “o compromiso do Concello de Malpica coa mellora das condicións de mobilidade da mocidade, garantindo un acceso equitativo á educación e incentivando o uso do transporte público”.