Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 13°
11°
Sábado 12°
Domingo 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Numerosos voluntarios sacaron do fondo mariño de Malpica unha gran cantidade de produtos non desexados

5Abr 2022

Numerosos voluntarios sacaron do fondo mariño de Malpica unha gran cantidade de produtos non desexados

Levouse a cabo unha limpeza no porto

Fantástico labor o que levaron a cabo onte, sábado, 2 de abril, numerosos voluntarios no porto de Malpica. Realizaron unha limpeza mariña que tivo como resultado unha gran cantidade de lixo sacada do mar, o que contribúe a reducir a contaminación. Organizaron a Asociación Chelonia e Coca-Cola, e colaboraron Buceo Malpica, Concello de Malpica e a Confraría de Pescadores de Malpica. Esta actividade estivo integrada dentro do proxecto Mares Circulares, que busca contribuír á redución de impactos dos millóns de toneladas de residuos que cada ano chegan ás contornas acuáticas.

Durante a mañá, varios buzos somerxéronse na auga para ir na procura dos refugallos contaminantes. Contaban co apoio en terra doutro gran número de persoas e, entre todos, lograron extraer todo tipo de restos non desexados: redes, pneumáticos e mesmo pilas. Calquera deles danan a vida da flora e da fauna e, como consecuencia, das augas e produtos que o propio humano usa ou consume. As súas consecuencias poden ser terribles para moitas especies, colaborando na súa extinción.

Dende o consistorio agradecemos á organización desta actividade medioambiental pensar na nosa vila para levala a cabo, e mesmo sentir lle trasladamos a todas as persoas que investiron unha parte do seu tempo en colaborar na que é unha iniciativa solidaria para o ben de todos. A Concellaría de Medio Ambiente está comprometida con este tipo de actuacións para lograr un ecosistema máis sostible e pide a toda a poboación que cesen as malas prácticas neste sentido. Anima á veciñanza a reciclar, como fixeron os voluntarios logo de recoller a varredura. Moitos deses materiais, como sucede coas redes, poden ter unha segunda vida se se dá o paso de depositalas no colector que lles corresponde. O concelleiro Miguel Fernández participou na limpeza.