Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 15°
12°
Venres 13°
10°
Sábado 13°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Melchor, Garpar e Baltasar encheron Malpica de ilusión

5Xan 2026

Melchor, Garpar e Baltasar encheron Malpica de ilusión

O municipio de Malpica de Bergantiños celebrou o luns 5 de xaneiro a chegada das súas Maxestades os Reis Magos de Oriente cunha xornada de actividades dirixidas especialmente ao público infantil, que tivo unha primeira parada na parroquia de Buño e continuou coa tradicional cabalgata pola vila de Malpica.

Durante a tarde, Buño acolleu a recepción dos Reis Magos organizada pola AVSC O Quinteiro, cun programa que incluíu un obradoiro infantil para a elaboración de carteis de benvida, cantos dedicados ás súas Maxestades, a recepción oficial e unha chocolatada popular no Parque Luciano García Alén.

Xa pola tarde-noite, ás 19.00 horas, deu comezo en Malpica a cabalgata dos Reis Magos, que saíu desde o Centro Cívico. A comitiva estivo formada por un vehículo de Protección Civil, dous pasarrúas con zancudos, un malabarista, tres músicos de ASACOCIRCO, catro pingüíns xigantes de Boneca Lareta e un segundo vehículo de Protección Civil con carroza real e carromato musical.

O percorrido discorreu pola rúa Ventorrillo, rúa Emilio González López, praza Anselmo Villar Amigo, rúa Eduardo Vila Fano, Cruceiro, Porto, Dársena e Casa do Pescador, onde tivo lugar a recepción oficial das súas Maxestades.

Á chegada á Casa do Pescador, o alcalde de Malpica recibiu aos Reis Magos na porta principal e acompañounos ata o balcón do ISM, desde onde tivo lugar o saúdo institucional. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, deu a benvida ás súas Maxestades destacando o carácter mariñeiro da vila: “Chegades a unha vila mariñeira, rodeada polo mar, polo son das ondas e polo traballo de xente valente. Chegades a un pobo que mira cada día cara ao océano, onde os barcos buscan o abrigo do porto e as redes se preparan co mimo, e onde as Sisargas nos lembran o orgullosos que estamos da nosa terra”.

O rexedor deulle a palabra a Melchor, que se dirixiu ás nenas e nenos de Malpica, lembrando a importancia de manter a ilusión e sinalando que “a ilusión é unha luz pequeniña, pero moi poderosa, que vos acompañará sempre”.

A xornada pechouse co encontro das súas Maxestades coa infancia na praza Anselmo Villar Amigo, antes de continuar a súa viaxe nocturna polos fogares do municipio.

A visita das súas Maxestades continuará mañá, martes 6 de xaneiro, con paradas noutras parroquias do municipio segundo o seguinte programa:

  • Santiso – 10.30 h, no campo da festa
  • Beo – 11.00 h, na estrada xeral, no cruce
  • Mens – 11.30 h, no campo da festa
  • Barizo – 12.00 h, no campo da festa
  • E Seala – 13.45 h, no campo da festa

Esta xornada conta coa colaboración da ACD San Xulián.
A veciñanza poderá seguir desfrutando da visita dos Reis Magos nas distintas parroquias do concello.