Malpica lembra as Misións Pedagóxicas cunha nova edición do Retablo de Fantoches Rafael Dieste
As Misións Pedagóxicas volven a Malpica 84 anos despois. Aquel proxecto de solidariedade cultural que levou bibliotecas, música, cine e teatro a máis de 7.000 pobos e aldeas españois entre 1931 e 1936, chegou ao noso concello o 20 de outubro de 1933. A representación de “A doncela guerreira”, de Rafael Dieste, foi o primeiro espectáculo de monicreques que se levou a cabo en España, e a Concellería de Educación, Cultura e Turismo de Malpica quere lembrala, unha vez máis, cun ciclo de monicreques ao aire libre.
O departamento de dirixe Noelia Freijeiro programa unha nova edición do Retablo de Fantoches Rafael Dieste, que arrancará mañá sábado no parque infantil coa compañía Ghazafelhos e o espectáculo O vendedor de fume. As próximas actuacións terán lugar no paseo marítimo o 29 deste mes e o 12 de agosto. Na primeira, o grupo Paporrubio interpretará A danza dos paxaros, e na seguinte teremos a Lucecús Teatro con PingüSOS. En caso de choiva as funcións serán no auditorio do Centro Cívico.
Festival de Curtametraxes Vai no Mar
Pero este ano a Concellería de Educación, Cultura e Turismo amplía o programa co Festival de Curtametraxes Vai no Mar, unha iniciativa que nace de maneira experimental pero coa intención de consolidarse dentro do Malpica Verán. O certame celebrarase do 21 ao 23 de xullo no parque infantil (sesión infantil) e no paseo marítimo (pases para adultos), e en cada una das dúas sesións para adultos haberá unha votación ao remate de cada sesión para elixir a mellor curta.