Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 19°
13°
Mércores 18°
13°
Xoves 18°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Malpica, epicentro do Día das Letras Galegas 2025 na homenaxe ás Pandeireteiras de Mens

21Mai 2025

Malpica, epicentro do Día das Letras Galegas 2025 na homenaxe ás Pandeireteiras de Mens

As Torres de Mens, en Malpica de Bergantiños, convertéronse este 17 de maio no epicentro da celebración do Día das Letras Galegas 2025. Este emblemático enclave acolleu o acto institucional organizado pola Xunta de Galicia, que deu inicio a unha xornada cargada de simbolismo, emoción e compromiso coa lingua e a cultura galegas.A cerimonia estivo conducida por Icía Varela, que guiou o acto con sensibilidade e solvencia. A apertura correu a cargo da Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda e a Asociación Cultural Malante que foron as e os encargados de amenizar musicalmente o evento. Entre os asistentes estiveron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo; o alcalde de Malpica, Eduardo Parga e a concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro; ademais de numerosos representantes municipais da comarca e outras autoridades.

O rexedor malpicán, Eduardo Parga, destacou a honra que supuña para el e para o municipio acoller unha celebración tan significativa, e subliñou o valor que a lingua galega ten como elemento de identidade compartida.Parga referiuse tamén ás homenaxeadas deste ano, as Pandeireteiras de Mens, ás que definiu como “memoria viva” da fala e da música tradicionais.

Apuntou que lograron converter a pandeireta e a copla nunha verdadeira forma de estar no mundo. Aproveitou tamén para agradecer á Real Academia Galega a escolla de Malpica como sede dos actos centrais, así como aos veciños, polo seu apoio constante a este tipo de celebracións.O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quixo poñer en valor a beleza natural do lugar escollido e celebrou e agradeceu ás propietarias das Torres de Mens a súa colaboración para poder levar a cabo o evento.Rueda lembrou a importancia do legado das pandereteiras de Malpica, das que dixo que representan o talento presente en cada recuncho do país. E apelou a un pacto pola lingua baseado no consenso e no reforzo positivo, asegurando que o futuro do galego pasa por fuxir de imposicións e apostar polo acordo.Os actos continuaron no Centro Cívico de Malpica, onde a Real Academia Galega celebrou unha homenaxe ás cantareiras, símbolo da tradición oral que mantén viva a lingua.

Alí, á entrada, a música foi a cargo da Asociación Cultural e deportiva Carcaxía. As protagonistas do acto foron as Pandeireteiras de Mens, Rosa e Adolfina Casás Rama (de Cerceda) e Eva Castiñeira (de Muxía).A RAG puxo o foco no papel das mulleres na transmisión da poesía oral popular, ás que definiu como exemplo de forza, saber e identidade colectiva. A académica Ana Boullón, promotora da edición deste ano, resumiu o espírito da xornada asegurando que se trataba de celebrar o pasado cunha mirada posta no futuro. No seu primeiro discurso como presidente da RAG, Henrique Monteagudo pediu unha reformulación profunda da política lingüística, que sitúe a infancia e a mocidade no centro das accións.

Apostou por un discurso entusiasta e de compromiso real coa lingua, afastado de polémicas estériles, e centrado na normalización efectiva do galego.As Tanxugueiras foron as encargadas de abrir o acto cunha actuación na que agradeceron o legado das mulleres que lles transmitiron a lingua e a música. Reivindicaron a importancia de seguir defendendo o galego como lingua propia.No pleno académico interviñeron tamén Antón Santamarina e Xesús Alonso Montero. Ambos puxeron en valor a riqueza do cancioneiro popular e a súa pegada en figuras senlleiras como Rosalía de Castro. Santamarina evocou os seus anos de infancia na Fonsagrada, onde aprendeu cantares tradicionais que logo contribuiría a recoller e estudar da man da etnomusicóloga Dorothé Schubarth.A RAG personalizou a homenaxe en sete mulleres sen títulos nin formación académica, pero cun profundo coñecemento transmitido de xeración en xeración. Mulleres do rural, que malia ter vivido á marxe das normas sociais ou verse obrigadas a emigrar, conservaron vivo o fío da tradición.Monteagudo pechou a intervención apelando ao espírito de Castelao e de Rosalía, e afirmou que o exemplo das cantareiras segue vivo nas novas xeracións. Para o presidente da RAG, representan unha enerxía colectiva que nunca desaparece.Para pechar o acto, a voz de Icía Varela cantando o himno galego e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira Noelia Freijeiro obsequiaron aos presidentes da RAG e a Xunta con unhas pezas de barro de Buño.