Malpica celebra o 91 aniversario das Misións Pedagóxicas cunha programación especial
O Concello de Malpica de Bergantiños conmemorará o 91 aniversario das Misións Pedagóxicas, un proxecto cultural e educativo que levou o teatro, a música e o coñecemento por toda España. No ano 1933, Malpica foi testemuña dun deses espectáculos, coa estrea do Retablo de fantoches, unha das primeiras representacións de monicreques organizadas no marco das misións, grazas ao traballo de José Val del Omar, Ramón Naya, Fernández Mazas, Miguel Prieteo e Urbano Lugrís xunto con Rafael Dieste.
Con este motivo, o concello organiza unha serie de actos que se desenvolverán entre o 16 e o 30 de outubro, entre os que destaca unha mostra fotográfica no Fondo Lugrís do Centro Cívico de Malpica. A exposición leva por título As Misións Pedagóxicas en Malpica e estará dispoñible para o público durante dúas semanas.
A data máis sinalada será o 20 de outubro coa celebración dunha tarde especial de actividades na Praza Anselmo Villar Amigo. Ás 17:00 horas, comezará o espectáculo de monicreques Coa música a outra parte, a cargo da compañía Trécola Producións. A obra, cunha duración de 60 minutos, está recomendada para maiores de 6 anos e conta con música en directo.

Ás 18:00 horas, terá lugar o tradicional magosto popular, onde os asistentes poderán degustar castañas asadas, acompañadas dunha chocolatada, mentres gozan da música do grupo Tren da Unha.
En caso de mal tempo, as actividades trasladaranse ao Auditorio do Centro Cívico.
A iniciativa, que conta co apoio da Deputación da Coruña a través da súa Rede Cultural 2024, busca manter viva a memoria deste importante episodio da historia cultural do país.