13Set 2024
Malpica aposta polo envellecemento activo co novo Taller de Memoria 2024/2025
O Concello de Malpica de Bergantiños, a través da Concellería de Servizos Sociais e coa colaboración da Deputación da Coruña, puxo en marcha unha nova edición do Taller de Memoria para o curso 2024/2025, unha iniciativa que busca mellorar o exercicio cognitivo e a calidade de vida da veciñanza.
As sesións desenvolveranse en dúas localizacións:
- En Malpica, os luns, en horario de 10.30 a 12.00 horas, a partir do 14 de outubro na Aula de Lecer do Centro Cívico.
- En Buño, os venres, de 10.30 a 12.00 horas, comezando o 18 de outubro, no CAT (antigo Centro Comarcal).
O prazo de inscrición estará aberto entre o 16 e o 30 de setembro. As persoas interesadas poderán formalizar a súa participación acudindo ao Departamento de Servizos Sociais ou chamando ao teléfono 981 720 280.
O Taller de Memoria é unha das apostas do Concello de Malpica para fomentar o envellecemento activo a través de actividades que axudan a manter a mente activa e previr o deterioro cognitivo.