Malpica activa a campaña de trampeo para frear a expansión da avespa velutina
O Concello repartirá trampas entre a veciñanza para reducir a presenza desta especie invasora e protexer a biodiversidade local.

O Concello de Malpica de Bergantiños puxo en marcha unha nova campaña de trampeo da avespa velutina co obxectivo de reducir a súa presenza no municipio e protexer tanto á poboación como á biodiversidade local. A iniciativa desenvolverase durante as próximas semanas e busca implicar á veciñanza no control desta especie invasora.
As persoas interesadas en participar poderán solicitar unha trampa anotándose nas oficinas xerais do Concello, onde recibirán o material necesario para colaborar na campaña.
O Concello anima á cidadanía a sumarse a esta iniciativa colectiva, considerada unha medida clave para limitar a expansión da velutina e reducir o seu impacto no medio natural e na actividade apícola. Con esta campaña, o Concello reforza as accións de prevención e control fronte a unha especie que nos últimos anos incrementou a súa presenza en Galicia. A colaboración veciñal resulta fundamental para mellorar a eficacia do trampeo e protexer o equilibrio ambiental do municipio.


