Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 18°
15°
Sábado 20°
16°
Domingo 19°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Leilía, De Vacas, Xosé Lois Romero & Aliboria e Os do fondo da barra serán os pratos fortes da XII Festa Galega de Malpica

27Abr 2019

Leilía, De Vacas, Xosé Lois Romero & Aliboria e Os do fondo da barra serán os pratos fortes da XII Festa Galega de Malpica

Este verán a música galega volverá a inundar as rúas de Malpica con motivo da celebración da XII Festa Galega, que terá lugar os días 16 e 17 de agosto. E este ano volveremos a ter cartel de luxo, xa que nos acompañarán Leilía, De Vacas, Xosé Lois Romero & Aliboria ou Os do fondo da barra. Pero, a maiores destas primeiras confirmacións, a Concellería de Cultura, que dirixe Noelia Freijeiro, segue a traballar para converter a Malpica no epicentro da música folk durante toda unha fin de semana.

leilia

Leilía

Leilía nace no ano 1989 cando seis mulleres se xuntan para recuperaren do esquecemento a tradición oral galega. Ao son de pandeiretas e voces, pronto van agromando os froitos. A mediados dos 90 chega o louvado Leilía, composto exclusivamente por pezas tradicionais. O seguinte reto foi achegar a música do pasado ao presente, por medio da incorporación de instrumentos e polifonías non tradicionais, e así o fixeron nos seus seguintes traballos, dos que nos ofrecerán unha escolma o venres 16 de agosto.
O sábado 17 celebraranse os outros tres concertos, nos que reuniremos estilos moi diferentes da música galega de hoxe e de sempre. Dende Os do fondo da barra, o grupo de pandereteiros de Xacarandaina, ata Xosé Lois Romero & Aliboria ou De Vacas.

Premios La Opinion

Aliboria

Aliboria é un colectivo de novos músicos galegos, dirixidos por Xosé Lois Romero, que reinventan os cantos e os ritmos enxebres de Galicia conxuntando as potentes voces das súas cantantes cuns novos arranxos para percusión tradicional cheos de forza, raza e terra. Bombos, pandeiros, pandeiras, tixolas, tarrañolas, cunchas, pandeiretas, latas, tambores, sachos, perfectamente conxunguidos cos cantos, os aturuxos, os bailes e a diversión.

DE VACAS

De Vacas

De Vacas é un cuarteto composto por tres voces, as de Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero, sempre acompañadas pola guitarra de Guillerme Fernández, que fai versións de temas de masas de todas as épocas, dende as Spice Girls ata o Gagnam Style. Algunhas, coma “Amodiño” ou o recentísimo “El anillo pa cuando”, arrasan.