O Concello de Malpica remata as obras de mellora do firme nos accesos aos núcleos de Loroxo e Algadán

O Concello de Malpica ven de rematar as obras de mellora do firme existente nos accesos aos núcleos de Loroxo e Algadán, situados na parroquia de Cerqueda, unha actuación que permite optimizar a seguridade viaria e as condicións de tránsito nestas vías de uso diario para a veciñanza.
Os traballos consistiron na rehabilitación do pavimento, solucionando o deterioro existente e garantindo unha circulación máis cómoda e segura, especialmente en épocas de choiva e maior desgaste do firme.
Esta actuación contou cun investimento total de 126.256,99 euros e está incluída no POS+ Adicional 2/2024, dentro do plan de cooperación cos concellos da Deputación da Coruña.
Dende o Concello de Malpica destácase a importancia deste tipo de intervencións, que contribúen a mellorar as infraestruturas básicas no rural e a calidade de vida da veciñanza, reforzando o compromiso municipal coa conservación e mantemento da rede viaria en todas as parroquias do municipio.



