O alcalde de Malpica, Walter Pardo, consegue o compromiso da Xunta para prorrogar o convenio para o centro de día do municipio
O alcalde de Malpica, Walter Pardo, acaba de conseguir o compromiso da Consellería de Política Social para seguir financiando a creación do futuro centro de día do municipio. Así o confirmou o rexedor, que se reuniu hoxe coa conselleira de Política Social, Fabiola García. Á cita acudiu tamén a concelleira de Cultura, Olaría, Igualdade e Patrimonio de Malpica, Leticia Naya Varela e o concelleiro do PP, Eduardo Parga.
O alcalde destacou a “boa sintonía” do encontro, incidindo “nos excelentes resultados acadados”. O Concello sacou un compromiso para unha nova sinatura dun novo convenio de carácter plurianual polo mesmo importe do acordo anterior, de 150.000 euros.
O convenio precedente fora asinado en novembro de 2018, pero perdeu a súa vixencia.
Por medio deste acordo, a Xunta comprométese a aportar 150.000 euros, mentres que o Concello achegará a contía restante (outros 150.000 euros). Walter Pardo incide na necesidade de “habilitar esta nova dependencia canto antes co fin de sumar un servizo crucial para os veciños e veciñas do concello”.