Nuria Vil gaña o XX Certame Literario Illas Sisargas de Poesía Erótica con Desobedencia


Malpica de Bergantiños foi onte escenario da entrega do XX Certame Literario Illas Sisargas de Poesía Erótica, organizado pola Asociación Cultural Caldeirón, nun acto que reafirma a consolidación deste premio no panorama literario galego. A obra Desobedencia, da autora Nuria Vidal Prado (Núria Vil), resultou gañadora entre as 19 obras presentadas nesta edición.
A cerimonia celebrouse no Salón de Plenos do Concello de Malpica, onde a concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro, abriu o acto destacando o carácter participativo e a potencia expresiva da poesía erótica. “O noso agradecemento máis sincero vai para todas as persoas que enviaron as súas creacións. É un acto de xenerosidade compartir algo tan íntimo; é converter a experiencia en arte. Por suposto, grazas á Asociación Cultural Caldeirón, que un ano máis nos permite acompañarvos nesta viaxe. Parabéns á persoa premiada desta edición e tamén ao resto das participantes: sodes quen mantedes viva esta celebración e quen nos lembrades que a poesía é un lugar no que todos podemos arder un pouco sen queimarnos”.
A continuación, Paco de Tano deu lectura ao fallo e ás valoracións do xurado, do que tamén formaron parte María Lado e o crítico literario Francisco Fernández, resultando elixida como gañadora a obra Desobedencia, de Nuria Vidal Prado.
Tras recibir o galardón, Nuria Vil expresou a súa satisfacción polo recoñecemento e destacou a especial ilusión que lle produce este premio. Ademais, anunciou que “Desobedencia” incluirá imaxes dunha curtametraxe de Iria Silvosa, unha proposta que procura establecer un diálogo artístico entre a palabra poética e a linguaxe audiovisual.



