Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 12°
10°
Sábado 13°
Domingo 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Malpica inaugura a escultura “Nai Carrexeira” como homenaxe ás mulleres traballadoras do mar.

18Xuñ 2022

Malpica inaugura a escultura “Nai Carrexeira” como homenaxe ás mulleres traballadoras do mar.

O tenente alcalde de Malpica, Alfredo Cañizo, asistiu este venres xunto coa concelleira Noelia Freijeiro e o concelleiro Miguel Ángel Fernández á inauguración de “ Nai Carrexeira”, monumento realizado por Ánxel Cao. “Estou moi orgulloso e agradecido de que Eliseo Villar Loureiro e a súa familia doasen esta bonita escultura que homenaxea moi ben o traballo das mulleres de Malpica que carrexaban o peixe para a súa venda e á súa vez coidaban aos seus fillos. A escultura está instalada nun lugar fantástico e vai ser un referente turístico por estar situada no paseo marítimo de Malpica coas Illas Sisargas e a capela de San Adrián como fondo” explicou Cañizo.

Ao acto tamén asistiu parte da corporación, o exalcalde José Ramón Varela Rey, o patrón maior Pedro Pérez Martelo e o alcalde de Malpica do Tajo, Santiago Hortas Bautista. “É un pracer a vosa invitación a asistir aos actos deste concello ó que estamos “hermanados” e máis neste acto que homenaxea á muller traballadora nas tarefas tan duras do mar. É unha escultura marabillosa que representa o que foi no seu día un traballo tan duro” dixo Santiago. Miguel Ánxo Fernández, pola súa parte, agradeceu a presenza dos asistentes e sobre todo a Eliseo Villar Loureiro a doazón da preciosa estatua. Tamén desculpou a ausencia do alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que por razóns de axenda non puido estar presente.

O escultor Ánxel Cao explicou que é unha figura realizada unicamente para Malpica en representación da muller traballadora. Esta escultura homenaxea ás mulleres non só polo traballo que desempeñaban senón polo coidado e a educación da familia. “É unha figura realizada en bronce cun peso de 230 quilos de tamaño natural cuxa altura é un pouco maior á natural por razóns estéticas” explicou.

Pola súa banda, Eliseo Villar Loureiro, deu as grazas ao concello de Malpica por permitir doar esta obra e deixar que se situase nunha zona tan fermosa como é o paseo marítimo da vila. A súa intención de doar este monumento Nai Carrexeira é honrar a todas as mulleres que se encargaban de carrexar o peixe dende as lanchas ata os camións e á fábrica de consevas. “Elas fixeron que este pobo fora pr´ospero”.