O Concello de Malpica de Bergantiños pon en marcha obradoiros de lendas para nen@s e maiores
A iniciativa, incluída no proxecto de dinamización lingüística, comezará este venres no Centro Cívico cunha xuntanza aberta a toda a veciñanza
Dentro do seu programa anual de dinamización lingüística, o Concello de Malpica de Bergantiños pon en marcha unha serie de obradoiros orientados a recuperar e narrar as lendas locais. Na iniciativa, que coordinará o filólogo e dinamizador cultural Xosé Manuel Varela Varela, poderán participar todos os veciños e veciñas que o desexen.
A primeira sesión celebrarase o venres, ás 17.00 horas, no Centro Cívico de Malpica. O punto de encontro será a Aula de Lecer, coincidindo co curso de manualidades que imparte Lucía Villanueva. Xosé Manuel Varela introducirá o tema e animará aos asistentes a relatar as lendas que coñezan ou as versións que lles foron transmitidas sobre mitos tan coñecidos no municipio como o do carballo de Santo Estevo, o Santo Hadrián, a cidade asolagada dos Baixos de Baldaio, o trigal maldito de Mens, a lenda da moura que construíu a Pedra da Arca ou as lendas dos castros, entre outras.
Dende o goberno municipal, a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, fai un chamamento a toda a veciñanza para que achegue o seu coñecemento sobre estas e outras lendas participando tanto na sesión deste venres en Malpica coma na prevista para o día 26, tamén ás cinco da tarde, na Casa do Oleiro de Buño.
En datas próximas, estes obradoiros celebraranse tamén no IES Urbano Lugrís e nos CEIP Milladoiro de Malpica e Rodríguez Otero de Buño.