Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 13°
Venres 16°
10°
Sábado 16°
14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

19Nov 2016

A I BTT Malpica-Nariga reunirá a máis de 200 participantes

Un total de 210 afeccionados teñen confirmada a súa participación na I BTT Malpica-Nariga, que mañá demostrará por que é coñecida xa como a ruta máis espectacular de Galicia. A esa espectacularidade, marcada pola paisaxe, súmase a dos premios que entregarán os organizadores –Concello de Malpica, Sporting Seaia e Emesports.es- aos tres primeiros e ás tres primeiras clasificadas. Trátase de orixinais e coidadas reproducións do faro de Punta Nariga chapadas en ouro, prata e bronce, elaboradas especialmente para a proba e doadas pola Xoiería Díaz Antelo. O tenente de alcalde, Miguel Fernández; o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, e o técnico de Deportes do Concello, Pablo Lista, presentaron onte os trofeos. A relación de establecementos colaboradores, aos que Iago Espasandín quixo agradecer a súa implicación, complétase con Panadería Labrador, Refugio As Garzas, Evobici.com, 20liveirabike, Pedalea Bien e MACT Centro de Recuperación y Preparación Física.

IMG-20161024-WA0001-220x310

A I BTT Malpica-Nariga arrancará mañá domingo, ás 10.30 horas, dende a lonxa de Malpica, onde tamén estará situada a meta. Os participantes percorrerán un total de 45 quilómetros, e á súa chegada serán agasallados cun xantar a base de polbo elaborado por Fernando Agrasar, de As Garzas, todo un estrela Michelín. A comida alongarase ata as 17 horas, e tamén haberá un sorteo de agasallos doados polos establecementos colaboradores.
Todos os detalles da xornada poden seguirse a través do Facebook Ruta BTT Malpica Nariga.

12Nov 2016

O Concello de Malpica inviste 54.414 euros na obra de reparación e mantemento do Centro Cívico

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, asinou coa empresa Construcciones Ogando S.L. o contrato de execución da obra de reparación e mantemento do Centro Cívico de Malpica, que suporá un investimento de 54.414 euros e que está financiada con cargo ao Plan de Acción Social (PAS) da Deputación da Coruña.

A empresa adxudicataria dispón dun prazo de dous meses para levar a cabo os traballos, que consistirán na demolición e substitución das ventás da planta baixa e de parte das do primeiro andar, a construción de aleiros nas cubertas e a instalación dunha fachada ventilada con paneis de aluminio na planta baixa.

As obras permitirán eliminar o grave problema de humidades que afecta ao edificio do Centro Cívico, inaugurado en decembro do ano 2003.

9Nov 2016

A Concellería de Servizos Sociais organiza unha excursión a Ribadavia coincidindo coa presentación de “Lembranzas de Malpica”

A Concellería de Servizos Sociais organiza unha excursión a Ribadavia coincidindo coa presentación de “Lembranzas de Malpica” na localidade ourensá, prevista para o día 26. As persoas participantes viaxarán acompañadas polo alcalde, Eduardo Parga Veiga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e os encargados da recompilación de artigos de Xosé González Reyes que integran o libro.

As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. As persoas interesadas poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais, no Centro Cívico, ata o día 23. A viaxe é de balde. Os participantes só abonarán os gastos da comida, que non superarán os 20 euros. Ademais de asistir á presentación do libro, os veciños e veciñas de Malpica terán a ocasión de gozar dunha xornada cultural e de ocio na capital do Ribeiro.

Este é o programa:

EXCURSIÓN A RIBADAVIA

 

1Nov 2016

A Concellería de Promoción Económica organiza un Curso de Actualización Comercial previo á campaña de Nadal

O Concello de Malpica, a través da Concellería de Promoción Económica, porá en marcha este mes un Curso de Actualización Comercial dirixido fundamentalmente a autónomos do sector e a empregados de establecementos comerciais. Nesta acción formativa, totalmente gratuíta, ofreceranse aos participantes as claves para mellorar a súa estratexia comercial e actualizar os seus negocios.

O curso está composto por tres módulos. O primeiro, destinado á propia tenda (distribución do mobiliario, implantación do produto e imaxe de marca), o segundo ao escaparatismo (realización de escaparates: montaxe, elementos decorativos e color) e o terceiro módulo está dirixido á clientela (como fidelizar e captar novos clientes, debilidades e fortalezas da nosa tenda e como actualizala).

A formación será de 20 horas, de luns a xoves de 20:30 a 22:30 horas no Centro Cívico de Malpica. As sesións formativas desenvolveranse entre o 8 e o 23 de novembro, coa finalidade de que a aprendizaxe poida poñerse en práctica na próxima campaña de Nadal, xa que o curso inclúe unha parte de formación teórica e outra práctica, de escaparatismo, que se levará a cabo na propia tenda. Ao remate entregarase un diploma de asistencia.

O prazo de inscrición está aberto ata o mesmo día 8, ás 15.00 horas, na Casa do Oleiro (981 711303) e no Centro Cívico (981707104). Terán preferencia de asistencia os comerciantes e os empregados do sector comercial que residan no termo municipal de Malpica.

31Out 2016

A veciñanza de Malpica reciclou 1.286 litros de aceite vexetal en 10 meses

colector centro civico

Os veciños de Malpica seguen contribuíndo á reciclaxe de aceite vexetal. Dende que se puxo en marcha o sistema de recollida selectiva, a mediados do 2013, grazas a un convenio entre o Concello e a empresa Reave (Recollidas de Aceite Vexetal), os malpicáns utilizan de cotío os colectores instalados no mercado municipal, o Centro Cívico, a Casa do Oleiro, o Centro Social de Seaia, o das Pozacas e o colexio Joaquín Rodríguez Otero. O mercado de abastos, no entanto, é o punto de depósito preferido polos veciños, cun total de 421 litros nos dez meses comprendidos entre xuño do 2015 e abril deste ano, aos que corresponde o último informe enviado por Reave ao Concello de Malpica.

Tanto dende a empresa como dende o Concello de Malpica agradeceron a colaboración da cidadanía e resaltaron a importancia de evitar que o aceite vexetal que se utiliza para cociñar acabe nos desaugues, xa que mesturado co xabón crea unha costra que acaba por atascar as canalizacións e ademais é prexudicial para as augas do sumidoiro. A mellor alternativa é almacenar o aceite en botellas de plástico con tapón de rosca e depositalo en calquera dos seis colectores distribuídos polo municipio.

30Out 2016

O Concello de Malpica aproba bonificacións do 50 ao 75% no IVTM para os vehículos respectuosos co medio ambiente

O Concello de Malpica aprobou unha serie de bonificacións no Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) en función da clase de carburante e dos motores que utilicen, tendo en conta a súa incidencia no medio ambiente. Desde xeito, os vehículos híbridos, os de motor gasolina ou diésel que conten coa clasificación por consumo A, e os que utilicen biogás, gas natural comprimido, metano, metanol, hidróxeno ou GLP, así coma os mixtos GLP-gasolina, beneficiaranse dunha redución do 50% durante catro anos. Para os vehículos eléctricos ou de emisións nulas, a bonificación será un 75% durante seis anos. En todos os casos, os propietarios deben presentar a solicitude correspondente e a documentación acreditativa.

Os vehículos de máis de 25 anos de antigüidade non pagarán o imposto de circulación

Así mesmo, o prazo para obter bonificacións por antigüidade rebáixase de 35 a 25 anos. Estes vehículos, considerados históricos, terán un desconto do 100%, previa solicitude.

28Out 2016

Os espectáculos galegos máis laureados, na 12ª edición da Mostra de Teatro de Malpica

A XII Mostra de Teatro de Malpica, organizada pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, reunirá o mellor da escena galega ao longo de varias semanas. Os espectáculos máis laureados pasarán polo escenario do Centro Cívico a partir do día 4.

Este é o programa completo:

Venres 4 de novembro, ás 20.30 h
O día do pai. Malasombra

 

COMPAÑÍA GAÑADORA DA VALORACIÓN DO PÚBLICO NA XI MOSTRA DE TEATRO DE MALPICA 2015 E  X MOSTRA DE TEATRO DE MALPICA 2014.

  • Director: Marcos Orsi
  • Actores: Alberto Rolán, Jouse García, Xoque Carbajal e Pablo Alvarado.
  • Duración: 70 minutos
  • Xénero: Comedia
  • Público preferente:  Adulto (maiores de 16 anos)

Venres 11 de novembro, ás 20.30 h
Noiteboa. Redrum Teatro

 

PREMIO MARÍA CASARES NO ANO 2016: Mellor Actriz Protagonista. Nominacións  a Mellor Director e Mellor Texto Orixinal.

  •  Actores: Mela Casal, Ernesto Chao, Guilermo Carbajo
  • Dirección – Alex Sampayo
  • Duración: 75 minutos
  • Xénero: Traxicomedia
  • Público preferente:  A partir de 12 anos

Venres 18 de novembro, ás 20.30 h
Fábula Galénica. Fantoches Baj (Produce Urdime)

 

VIII PREMIO BARRIGA VERDE DE TEXTO PARA TEATRO DE MONICREQUES. Modalidade Infantil.

  • Duración: 50 minutos
  • Xénero: Títeres de luva
  • Público preferente:  Público familiar. Recomendado para maiores de 5 anos.

Venres 25 de novembro, ás 20.30 h
Luppo. Baobab Teatro

 

PREMIO AO MELLOR ESPECTÁCULO INFANTIL na Feira de Teatro de Ciudad Rodrigo 2015

CANDIDATO aos Premios Max 2016 na categoría de “Mellor Autoría Teatral”

  • Duración: 55 minutos
  • Xénero: Monicreques e actores
  • Público preferente:  Familiar a partir de 4 anos

Venres 2 de nadal, ás 20.30 h
Perplexo. Il Maquinario Teatro

 

5 PREMIOS MARÍA CASARES NO ANO 2015: Mellor Espectáculo, Dirección, Iluminación, Vestiario e Tradución/Versión. 

  • Actores: Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu, Laura Míguez
  • Director: Tito Asorey
  • Duración: 85 minutos
  • Xénero: Comedia
  • Público preferente:  Adultos e rapaces/as a partir de 15 anos

Cartel teatro 2016

28Out 2016

O Concello de Malpica establece bonificacións no IBI para os inmobles vinculados aos sectores primarios

O Concello de Malpica establece unha bonificación do 95% no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) para todos aqueles “nos que estean emprazadas unicamente construcións nas que se desenvolvan total e exclusivamente actividades agrarias, gandeiras, forestais ou pesqueiras pertencentes ao sector primario”. Con esta medida, aprobada xa pola corporación municipal, preténdese mitigar o efecto negativo que tivo a revisión posta en marcha pola Dirección Xeral de Catastro en xullo do ano 2014.

Para que as bonificacións sexan efectivas, o pleno terá que aprobar unha declaración de especial interese ou de utilidade municipal, previa solicitude por parte do interesado, que ademais debe presentar a seguinte documentación:

  • Certificado de Facenda no que conste a situación censal do titular da actividade
  • Acreditación da titularidade catastral do inmoble
  • Certificado de non ter débedas con Facenda nin coa Seguridade Social
  • Xustificante de recoñecemento da explotación ou licenza de actividade
  • Xustificante de adscrición ao réxime especial da Seguridade Social que corresponda
26Out 2016

Clausurado o programa de envellecemento activo promovido pola Concellería de Servizos Sociais

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, e o 1º tenente de alcalde, Miguel Fernández, clausuraron o Programa de Envellecemento Activo promovido pola Concellería de Servizos Sociais de Malpica e subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña. Na entrega de diplomas, que tivo lugar no Centro Cívico, tamén participaron Adolfo López Baña e Sandra Caamaño, administrador e xerente de Máis Porvir, a empresa de economía social que se encargou do desenvolvemento do programa.

SAMSUNG CAMERA PICTURESUn total de 50 persoas, repartidas practicamente a partes iguais entre Buño e Malpica, dispoñen agora de máis ferramentas para poder manter a súa autonomía, ademais de evitar o seu illamento e de favorecer a súa participación social, aspectos que o alcalde destacou na súa intervención como especialmente importantes. Eduardo Parga agradeceu a participación e a boa acollida das actividades, e expresou o compromiso do Concello de Malpica coas actividades que contribúen a que as persoas maiores poidan manter unha vida activa.

Ao longo das últimas semanas, os participantes no Programa de Envellecemento Activo tiveron contacto coas novas tecnoloxías, os traballos manuais, pautas sanitarias e exercicio físico, participaron en excursións e obradoiros de elaboración de xabóns e recuperación de receitas de cociña tradicionais. Como remate da actividade, ademais de recibir os seus diplomas, compartiron unha merenda saudable e unha tarde de baile amenizada pola cantante carballesa Rocío Pérez.

Página 84 de 149« Primera...102030...8283848586...90100110...Última »