A XX Mostra de Teatro de Malpica ofrece nove espectáculos ata decembro
Comedias, monicreques, maxia e teatro danza configuran a programación cultural, con obras para públicos de todas as idades
Hoxe, o Concello de Malpica de Bergantiños deu a coñecer a programación da XX Mostra de Teatro, que se desenvolverá no Auditorio do Centro Cívico desde o 25 de outubro ata o 13 de decembro. Este ciclo teatral ofrecerá unha variada programación con nove espectáculos que abarcan dende comedias e monicreques ata teatro danza e maxia, dirixidos tanto a público adulto como familiar.
O evento arrincará o venres 25 de outubro coa obra Neura, unha comedia neurótico-festiva, a cargo da compañía Ste Xeito Producións. Con unha duración de 75 minutos, a peza trata o tema da saúde mental en clave cómica e está dirixida a un público adulto a partir dos 12 anos.
O sábado 26 será a quenda de O misterioso cabaret do Sr. Pilgrim, unha peza de teatro danza da Asociación Poten100mos que aborda a loita entre o pasado e o presente a través dun cabaré sombrío. Esta obra está pensada para maiores de 13 anos.
Entre os espectáculos destacados tamén figura Testosterona, unha comedia de Malasombra Producións que chegará o venres 1 de novembro e tratará sobre as dinámicas de poder e xénero nun medio de comunicación. Esta obra está recomendada para maiores de 16 anos.
O venres 8 de novembro, a compañía Iventi Teatro presentará Marcho que teño que marchar, un monólogo cómico que afonda nas complexas relacións familiares e que está pensado para un público adulto.
O venres 15 de novembro será a quenda de Viva Vivaldi, unha representación con monicreques da compañía Os Monicreques de Kukas, que está inspirada nas catro estacións de Vivaldi e dirixida a todos os públicos, incluíndo nenos a partir dos 3 anos.
O venres 22 de novembro, a obra Quixote da compañía Pedras de Cartón, presentada en clave de clown, revisitará as escenas máis icónicas da famosa novela de Cervantes, ideal para un público familiar a partir dos 4 anos.
O venres 29 de novembro, Nanai da China ofrecerá un espectáculo de teatro de monicreques dirixido ao público familiar. Esta obra, premiada nos María Casares 2024, conta a historia dunha nena loitadora que xunto co seu avó enfronta os prexuízos sociais.
Para os máis pequenos, Palabras de Baobab Teatro, o venres 6 de decembro, será un espectáculo musical para crianzas de 1 a 8 anos, onde as palabras, os xogos e a tradición oral galega son protagonistas.
Por último, a Mostra pecharase o venres 13 de decembro con Rock ‘N’ Magic do mago Teto, un espectáculo familiar que combina maxia e música en directo, ideal para nenos a partir de 7 anos.
Todas as funcións serán de balde e non requiren reserva previa. O Concello de Malpica, organizador do evento en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña e a súa Rede Cultural 2024, quere poñer en valor o teatro como un espazo de encontro para toda a cidadanía.
Para máis información, pódese contactar co Departamento de Educación e Cultura do Concello de Malpica no teléfono 981 707 104, en horario de 10:30 a 14:00 horas.