Estas son as películas que poderás ver en Malpica este verán
O Concello de Malpica presentou a súa programación de cine para este verán organizado pola Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes en colaboración coa Deputación da Coruña que inclúe unha selección de películas para todos os públicos.
A programación arrancará o vindeiro 12 de xullo ás 22:30 horas na Praza do Campo, en Malpica, coa proxección de “La Sirenita”. Seguirá o 19 de xullo coa película “Bella e o circo máxico”, que se proxectará no Ecomuseo Forno do Forte, en Buño, tamén ás 22:30 horas.
O 26 de xullo, os amantes dos superhéroes terán unha cita coa proxección de “Spiderman. Cruzando el multiverso”, ás 22:30 horas na Praza do Campo, Malpica. Xa en agosto, o día 2 ás 22:00 horas, será a quenda de “Flash”, tamén na Praza do Campo, unha película chea de acción e velocidade.
O 9 de agosto, ás 22:00 horas, proxectarase “Salta” na Praza do Campo, para toda a familia. Finalmente, o ciclo pechará o 30 de agosto no Ecomuseo Forno do Forte, Buño, ás 22:00 horas, coa proxección de “El gato con botas. El último deseo”, unha aventura animada.