Dez agrupacións musicais dos estilos máis variados encherán este verán as “Noites na Vila” de Malpica
Esta fin de semana arranca o programa Malpica Verán con moitas e moi variadas propostas. Pero a música, que vai xogar un papel moi importante ao longo de todo o período estival, tamén ocupa un lugar destacado nesta primeira fin de semana de actividades organizadas pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo.
Hoxe comezan as Noites na Vila coa actuación da Traskiband na Praza Anselmo Villar Amigo (xunto á Casa do Pescador). Será a primeira dunha serie de bandas que pasarán por Malpica, en concreto polo paseo marítimo, nas vindeiras semanas. Aula 11, Sonseis, Killer Cats, The Cerne e Strobos interpretarán unha parte importante da banda sonora deste verán. Todos os concertos comezarán ás 22.30 e serán de balde.
Pero a música chega por partida dobre, porque este verán volvemos a ter Música na Rúa. Mañá sábado contaremos cos gaiteiros da Asociación Cultural Malante, que ofrecerán un pasarrúas polo centro da vila a partir das 21 horas. E nas vindeiras semanas tamén estarán en Malpica o Dúo Café, a Banda de Música de Abegondo e de novo Malante, que o 22 de xullo ofrecerá música e baile nunha actuación organizada polos locais de hostalería A Taberna de Lesto, Brebaxe, Burato, Cachón, Café do Mar, Casa Antonio, Don Paco, Humboldt, Ibarra, JB, Larada, Pepucho, Pescador, San Francisco, Santiago Apóstol, Submarino e Xemevedes.