Carmela, a tradición oral galega con voz propia, chega a Malpica

O venres 8 de agosto, ás 20:30 horas, o Paseo da Praia de Malpica acollerá a actuación de Carmela, un proxecto musical que basea o seu repertorio na música de tradición oral galega, a través do canto e da percusión de man como elementos definitorios.
A proposta parte do traballo con informantes e arquivos musicais, co obxectivo de trasladar aos escenarios a esencia das melodías populares, cunha visión actual que incorpora criterios estéticos e unha análise musical e contextual.
Carmela une investigación etnomusicolóxica con interpretación e arranxo, entendendo a tradición como un material vivo, flexible e adaptábel ao presente.
A actividade está incluída no programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración co Concello de Malpica de Bergantiños e a Xunta de Galicia.