Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 14°
11°
Xoves 14°
11°
Venres 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Xunta investirá máis de 560.000 euros na reforma integral da rúa principal de Malpica, que gañará en accesibilidade e servizos

28Dec 2018

A Xunta investirá máis de 560.000 euros na reforma integral da rúa principal de Malpica, que gañará en accesibilidade e servizos

28122018 rua_principal (2)

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, acompañados polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, presentaron hoxe o proxecto de reforma integral da rúa Emilio González López, que saíu hoxe a licitación. A Xunta investirá máis de 560.000 euros nas obras, que está previsto iniciar na primavera e rematar antes de fin de ano.

O período de presentación de ofertas para estas obras, cun prazo de execución de 4 meses, remata o vindeiro 23 de xaneiro.

Vázquez Mourelle explicou que é unha intervención ao longo de 300 metros que suporá unha mellora da accesibilidade porque vai ser plataforma única. Precisa que se acometerán medidas para calmar o tráfico así como para acadar maior seguridade para os peóns.

Concretou que se renovarán as redes de saneamento e pluviais e se optimizará a integración urbana da vía, ao instalárense árbores e mobiliario urbano, o que dará á calzada unha estética máis humanizada.

Todo isto será posible grazas a unha nova calzada, repavimentada con formigón impreso, que se estreitará en medio metro reducindo o espazo destinado aos vehículos para incrementalo no espazo dos peóns.

Ademais, demoleranse e construiranse unhas novas beirarrúas máis anchas que se complementarán con balizas luminosas e con pasos de peóns diferenciados mediante granito.
Ao mesmo tempo, cambiarase o peralte do viario de xeito que as augas de chuvia sexan dirixidas cara os renovados sumidoiros evitando charcos ao longo da rúa.

A titular de Infraestruturas subliñou a aposta da Xunta pola mellora da seguridade viaria de Malpica, que é posible grazas ao entendemento entre o Goberno municipal e a Axencia Galega de Infraestruturas.

O alcalde, pola súa banda, destacou a importancia desta actuación para Malpica, que dende o Concello se complementará cunha intervención de humanización na rúa da Igrexa, incrementando deste xeito a seguridade viaria e a accesibilidade e mellorando os servizos urbanísticos.