O Concello de Malpica organiza unha nova edición do consolidado Concurso de Barcanas e Castelos de Area na Praia de Area Maior
Este venres, 23 de agosto de 2024, celébrase unha nova edición do xa tradicional Concurso de Barcanas e Castelos de Area na Praia de Area Maior, un evento que promete unha xornada de diversióne creatividade para todas as idades.
O evento dará comezo ás 10:30 horas, momento no que as persoas inscritas poderán iniciar os seus traballos na praia. Terán ata as 13:00 horas para dar forma ás súas esculturas, xa sexan castelos, barcanas tradicionais ou outras creacións inspiradas pola maxia da area e o mar. Ás 13:05 horas, o público asistente poderá participar na votación popular, e ás 13:30 horas farase pública a decisión do xurado e se procederá á entrega de premios.
Inscricións
As inscricións realizaranse no Departamento de Educación e Cultura, situado no 1º andar do Centro Cívico de Malpica, na rúa Ventorrillo s/n. Teléfono: 981707104. O horario de inscrición será de 11:00 a 15:00 horas, do 1 ao 21 de agosto, e o 23 de agosto de 10:00 a 11:00 na Praia Area Maior de Malpica. Cada participante ou grupo de participantes só poderá inscribirse cunha única obra. Os grupos poderán incluír un máximo de 30 participantes.
Modalidades
- AMATEUR: A partir de 10 anos.
- PREMIO ESPECIAL DO PÚBLICO: Escultura máis votada polo público.
- BARCANAS: Elaboración de barcanas tradicionais.
- INFANTIL: Ata 10 anos. No caso dos grupos, para inscribirse nesta modalidade, todas as persoas deberán cumprir este requisito de idade.
Premios
1º premio da modalidade amateur: Trofeo e vale de 130,00€
2º premio da modalidade amateur: Trofeo e vale de 70,00€
3º premio da modalidade amateur: Trofeo e vale de 50,00€
Premio especial do público: Trofeo
Premio á mellor barcana: Trofeo
- Os premios, en ningún caso, poderán acumularse. Se unha mesma obra coincide en diferentes categorías, asignaráselle o premio correspondente a unha única categoría, seguindo a orde: premio amateur, premio especial do público, premio á mellor barcana, e premio infantil. O premio da categoría que quede deserta pasará á seguinte obra mellor valorada desa categoría.
Nota: Os vales poderán cambiarse por produtos ou servizos, de valor equivalente, nos establecementos comerciais e de hostalería do Concello de Malpica.
Elaboración das esculturas de area
Para a elaboración das obras, as persoas participantes só poderán utilizar area e materiais que se atopen de xeito natural depositados na area. Así mesmo, permitirase o uso de ferramentas (palas, cubos, difusores de auga, etc.), aínda que estes elementos, en ningún caso, poderán formar parte da obra. Na elaboración das obras non está permitido utilizar ningún produto para compactar ou fixar a area, agás a auga.
As obras realizaranse unicamente na Praia de Area Maior, nas zonas balizadas polo Concello de Malpica para ese fin, entre as 10:30 e as 13:00 do venres 23 de agosto de 2024.