A praia de Area Maior foi escenario dunha interesante xornada sobre primeiros auxilios
Aínda que non fixo día de praia, Area Maior tivo moita actividade durante toda a mañá do domingo. O noso areal foi o escenario da interesante xornada sobre primeiros auxilios organizada polo Grupo de Investigación en Actividades Acuáticas e Socorrismo (GIAAS) coa colaboración do Concello e de Protección Civil de Malpica, e impartida por Brais Ruibal, que foi socorrista en Malpica entre os anos 2010 e 2016, e Arantxa Lara López, enfermeira de Madrid que veranea na nosa vila.
Ao longo das máis de dúas horas que durou a xornada, á que se sumaron un bo número de persoas, os expertos falaron sobre a cadea de supervivencia, a valoración primaria, a posición lateral de seguridade, a RCP en adultos, nenos e persoas afogadas, a colocación e uso dun desfibrilador externo automático e o protocolo de actuación ante un caso de atragantamento.