A igrexa de Santiago de Mens acollerá a presentación do libro As Vellas de Mens este sábado

A parroquia de Mens, no concello de Malpica, será escenario este sábado, 24 de maio, dun acto de fonda carga simbólica e cultural: a presentación do libro As Vellas de Mens, unha obra de José Manuel Fernández Pensado e Manel de Aturuxo que pon en valor a memoria e o legado das pandeireteiras da zona.
A cita terá lugar na igrexa de Santiago de Mens ás 17.30 horas, con entrada libre ata completar aforo. O acto está organizado polo Concello de Malpica e conta coa colaboración da Asociación Cultural Aturuxo.
No evento intervirán Eduardo Parga, alcalde do municipio; Isabel García, presidenta da Asociación Aturuxo; Xosé Manuel Varela, autor do prólogo da obra; e o propio autor, José Manuel Fernández.
As Vellas de Mens é un traballo que afonda no papel fundamental das mulleres da comarca na transmisión da música e da tradición oral galega, e chega nun ano especialmente significativo, despois de que as Pandeireteiras de Mens fosen homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025.
O libro conta cun prólogo de Xosé Manuel Varela e un epílogo a cargo de Felipe-Senén López Gómez, e forma parte da colección Letras Galegas da editorial Galaxia.
A elección da igrexa de Santiago como escenario da presentación engade un valor emocional ao acto, ao tratarse dun lugar moi vinculado á historia local e á memoria colectiva da veciñanza.