A corporación municipal decreta dous días de loito oficial polo falecemento de José Ángel Sanjurjo no afundimento do pesqueiro “A Silvosa”
A corporación municipal de Malpica vén de decretar dous días de loito oficial no noso concello polo falecemento de José Ángel Sanjurjo Láuzara, patrón do pesqueiro “A Silvosa”, que se afundiu a pasada madrugada no porto.
Ás 13.30 horas celebrouse un pleno extraordinario e urxente no que se gardou un minuto de silencio na memoria do noso veciño e foi aprobada unha declaración institucional que comeza así: “Hoxe é un día de loito para esta corporación municipal, para o noso pobo e para o mundo do mar, un sector tan importante en Malpica”. A corporación municipal, no nome dos veciños e veciñas de Malpica, traslada o pésame á familia e aos compañeiros de traballo do finado, e fai extensivo ese sentimento de dor e solidariedade ás familias dos mariñeiros falecidos no barco “Sen Querer 2”.
Durante os dous días de loito decretados polo pleno, mañá venres e o sábado, as bandeiras ondearán a media asta no Concello. Ademais quedan suspendidos os seguintes actos:
- Venres 21: ágape da festividade de Nadal entre os/as traballadores/as do Concello e a corporación municipal e os Cantos no Nadal de Emilio Rúa e Rosa Cedrón.
- Sábado 22: proxección da película “Sicixia”.