Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 18°
14°
Domingo 17°
16°
Luns 17°
14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe a comarca

31Out 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe a comarca

A XUNTA INVESTIRÁ 6,1 m€ NA COSTA DA MORTE EN MATERIA DE AUGAS E a mellora do saneamento DE MALPICA SERÁ UNHA DAS PRINCIPAIS ACTUACIÓNS NA COMARCA

  • Ángeles Vázquez detalla que o vindeiro ano Augas de Galicia destinará 68,1 millóns de euros a iniciativas en materia de saneamento
  • Avanza que no primeiro semestre de 2025 se licitará o proxecto para construír unha nova estación depuradora de augas residuais no lugar de Beo

Malpica de Bergantiños (A Coruña), 30 de outubro de 2024.- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que a Xunta de Galicia investirá 6,1 millóns de euros na Costa da Morte en materia de augas e fixo fincapé en que a mellora do saneamento de Malpica de Bergantiños será unha das actuacións principais na comarca.

Durante a súa visita de hoxe a esta localidade coruñesa, a conselleira reiterou o compromiso do Goberno galego de seguir avanzando cara a un uso eficiente da auga e a reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos.

De feito, o orzamento de Augas de Galicia chega aos 144 millóns de euros, preto dun 5% máis que en 2024, para seguir optimizando estes servizos coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático. E, máis polo miúdo, Ángeles Vázquez detallou que se destinarán 68,1 millóns de euros a iniciativas en materia de saneamento.

Nesa liña, Ángeles Vázquez subliñou    que unha das principais actuacións a levar a cabo será a mellora do saneamento no lugar de Beo, no Concello de Malpica de Bergantiños. Cómpre lembrar que esta iniciativa xa foi considerada como unha prioridade na reunión que a conselleira mantivo co alcalde da localidade o pasado mes de xuño.

Así, a previsión é licitar no primeiro semestre de 2025 as obras deste proxecto, que conta cun orzamento inicial estimado de 1 millón de euros. A iniciativa inclúe a instalación de colectores de saneamento e a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais así como a renovación das redes pluviais e os pavimentos das rúas e camiños da contorna.

A maiores, a conselleira incidiu en que a estratexia de impulso ao tratamento das augas chegará tamén aos núcleos rurais, con investimentos en 2025 de 13 M€ para dotar distintas áreas das catro provincias galegas de servizos de saneamento e abastecemento equivalentes aos dos grandes concellos. O fin é acadar un rural sostible incidindo tanto nas contornas rurais dos grandes municipios como buscando solucións innovadoras coas que atender as necesidades dos pequenos núcleos de poboación ou zonas dispersas.