Malpica presenta a programación cultural e deportiva de Semana Santa
As actividades desenvolveranse do 30 de marzo ao 4 de abril con propostas formativas, deportivas e de lecer para todas as idades

O Concello de Malpica de Bergantiños organiza do 30 de marzo ao 4 de abril a Semana Santa Cultural e Deportiva 2026, cun programa de actividades en distintos espazos do municipio dirixido a público infantil, xuvenil e adulto, con inscrición previa en determinadas propostas e outras de carácter aberto e gratuíto.
O luns 30 de marzo desenvolveranse actividades de pickleball e bádminton no Pavillón Polideportivo Municipal, en horario de 10:30 a 12:30, dirixidas a persoas a partir de 8 anos. Ese mesmo día terá lugar un obradoiro familiar de papel maché, que será de balde, na aula de lecer do Centro Cívico, de 17:00 a 19:00, para idades de 7 a 99 anos, con menores acompañados, un máximo de 20 prazas e inscrición no Rexistro Xeral do Concello. A información está dispoñible no Departamento de Educación e Cultura, de 9:00 a 14:00, no teléfono 981 707 104. Tamén o luns comezan as Xornadas de Pascua na Casa da Cultura de Seaia, organizadas pola ACD Carcaxía, en horario de 9:00 a 14:00 ata o 2 de abril, con tarifas de 40 euros para socios e 50 euros para non socios, e contacto en acdcarcaxia@gmail.com e no teléfono 611 747 756.
O martes 31 de marzo celebrarase unha xornada de parkour e danzas urbanas no Pavillón Polideportivo Municipal, de 10:30 a 12:30, para persoas a partir de 8 anos. Ademais, entre o 31 de marzo e o 4 de abril desenvolverase un obradoiro de barro no Ecomuseo Forno do Forte, en Buño, en horario de 16:30 a 18:30, dirixido a nenos e nenas a partir de 3 anos, cun máximo de 15 persoas e sen inscrición previa, por orde de chegada. Esta actividade é de balde.
O mércores 1 de abril terá lugar unha actividade de fútbol 3×3 no Pavillón Polideportivo Municipal, de 10:30 a 12:30, tamén para participantes desde 8 anos.
O xoves 2 de abril celebrarase o Sisargas Fest no travelift do Porto de Malpica, organizado pola Asociación Mar de Fondo, con actuacións de DJs e grupos en dous escenarios a cargo de Son e Festa Disco Móbil. O evento incluirá sesión vermú a partir das 13:00, tardeo desde as 17:00 e programación nocturna desde as 22:00, así como sorteo de packs e información nas redes sociais @ac_mardefondo.
O venres 3 de abril terá lugar a procesión de Semana Santa na Igrexa de San Xulián de Malpica, a partir das 17:45, con actos litúrxicos e acompañamento da Banda de Gaitas da AC Malante.
O sábado 4 de abril desenvolveranse xogos populares na Área Recreativa Río de Vaa, organizados pola AC Xogos Tradicionais, a partir das 17:00. A continuación, desde as 18:30, realizarase un percorrido guiado polo Río de Vaa con visita ao muíño.
As actividades deportivas do pavillón desenvolveranse en horario de 10:30 a 12:30 para persoas a partir de 8 anos. As inscricións deben formalizarse no Rexistro Xeral do Concello antes do 26 de marzo. As actividades sinaladas como (2) no programa son de balde.


