Os actos de homenaxe ao garda civil José Antonio Pardines no 50º aniversario do seu asasinato rematan cun desfile militar
Un desfile militar e unha ofrenda floral porán fin a unha semana de actos en lembranza do garda civil José Antonio Pardines Arcay, primeira vítima de ETA, no 50º aniversario do seu asasinato. Malpica será este domingo o escenario dunha homenaxe organizada pola Comandancia da Garda Civil da Coruña.
A xornada comezará ás 12.00 horas cunha visita á exposición fotográfica sobre o atentado que está aberta no Centro Cívico. Ás 12.30 celebrarase un oficio relixioso na igrexa de San Xulián, e ás 13.15 comezará o desfile militar pola rúa Emilio Gonzále López, que rematará cunha ofrenda floral no monólito da praza Anselmo Villar Amigo.
Con motivo da celebración destes actos solemnes, a rúa Emilio González López permanecerá pechada ao tráfico rodado desde as 10.30 ata as 14.30 horas. Protección Civil e Policía Local indicarán as vías alternativas tanto á veciñanza como a visitantes, así coma as zonas de estacionamento recomendadas. Desde o Concello de Malpica agradecemos de antemán a colaboración de todas e todos para o bo desenvolvemento da xornada de homenaxe e pedimos desculpas polas molestias que se poidan ocasionar.
Semana intensa
Este domingo rematará una semana moi intensa, que comezaba o luns na Coruña cunha interesante mesa redonda. O martes, a Asociación Pro Garda Civil (APROGC) realizou unha ofrenda floral na tumba de José Antonio Pardines e inaugurou un monólito na súa memoria na praza Anselmo Villar Amigo. O mércores estivo en Malpica o conselleiro de Cultura para participar na presentación do libro Pardines. Cando ETA empezou a matar. E onte o alcalde, Eduardo Parga, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández, participaron no Museo das Peregrinacións e de Santiago na inauguración da exposición Temos memoria. Vitimas do terrorismo en Galicia, na que tamén estiveron presentes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e a presidenta da Fundación de Vítimas do Terrorismo, María del Mar Blanco.