Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 16°
11°
Martes 15°
10°
Mércores 14°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. As parroquias de Buño e Leiloio son un paraíso de lendas e tradicións

29Set 2014

As parroquias de Buño e Leiloio son un paraíso de lendas e tradicións

Os obradoiros organizados polo Concello de Malpica continuarán nos centros escolares
540-f-foto

O obradoiro de lendas realizado o pasado venres 26 de setembro na Casa do Oleiro deixou patente que as xentes destas dúas parroquias conservan unha rica literatura de tradición oral. As maiores da aula de lecer estaban sobradas de recordos aprendidos dos seus antepasados. Ó longo de máis dunha hora foron debullando a mitoloxía da Eira das Meigas, da Fonte da Señora ou do Carballo de Santo Estevo, entre outras.

O mito do San Xoán pervive na parroquia de Leiloio. No cume do Monte Neme sitúase a Eira das Meigas, un espazo circular no que só medra ?herba campía? como dixo unha das informantes. Na noite de San Xoán a tradición conta que alí se xuntan as meigas da redonda para ?bailar?. Na mañá seguinte quen baila ou ?brinca? é o sol ao abrir o día. Este é o único día do ano no que os veciños o ven bailar.

A gran sorpresa da tarde foi o descubrimento do culto ás augas que aínda pervive na fonte da Señora ou de Santa María. A ela acudíase cos cativos que estaban collidos pola ?sombra? para sacárllela. Tiñan que lavalos espidos nos tres canos da fonte.

En Buño sobrevive a lenda do carballo de Santo Estevo. Marca o linde coa parroquia de Cerqueda. Ata el foi o santo nun carro pero non quixo seguir adiante e regresou a Buño, xusto ata o lugar onde se lle levantou a igrexa. A lenda deste carballo centenario conta que nunca se chegou a cortar porque se se fixese, do seu tronco brotaría sangue.

Estes obradoiros de lendas, que continuarán agora nos centros escolares, forman parte do programa de dinamización lingüística que organiza o Concello de Malpica de Bergantiños neste 2014 co respaldo da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.