Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
Luns 15°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Aberto o prazo de inscrición para a 1ª Carreira Pedestre Concello de Malpica

14Xul 2016

Aberto o prazo de inscrición para a 1ª Carreira Pedestre Concello de Malpica

Xa está aberto o prazo de inscrición para a 1ª Carreira Pedestre Concello de Malpica, que se celebrará o sábado 10 de setembro ás 18.30 horas. A organización corresponde á Concellería de Deportes, que dirixe Iago Espasandín, que deste xeito sigue ampliando a oferta deportiva do Concello de Malpica tanto en cantidade coma en calidade e variedade de disciplinas.

A Carreira Pedestre Concello de Malpica nace, de feito, coa intención de fomentar a actividade física como parte dun estilo de vida saudable. Poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos que o desexen. A inscrición pode realizarse a través da plataforma  www.championchipnorte.com. A cota é de 3 euros para os atletas que posúan chip e de 4 para os que precisen alugalo. No caso dos menores de idade requírese, ademais, autorización paterna. O prazo de inscrición rematará o 6 de setembro. As persoas interesadas poden solicitar máis información no Departamento de Deportes.

cartel I carreira pedestre concello de Malpica

Haberá 4 categorías: xuvenil (nados/as nos anos 1999 e 2000), sénior 10K (1977-1998), veteranos M40 (1967-1976) e veteranos M50 (anteriores a 1966). Todos os participantes, tanto masculinos coma femininos, terán que percorrer unha distancia de 8.650 metros nun tempo máximo de 1 hora e 30 minutos. A carreira sairá da praza Villar Amigo e continuará por Eduardo Vila Fano, Rúa do Porto, Dársena, Camiño do Río, Eduardo Vila Fano, Guardia Pardines, Paseo da Praia, Rúa Canido, Cancela de Areas, Seaia, Estrada á Praia de Seaia, Instituto Urbano Lugrís, Estrada de Santo Hadrián ata a capela, Camiño do Santo, Canido e chegada no Paseo da Praia. “Este traxecto permítenos combinar dureza, con varios cambios de superficie, e paisaxe, xa que as vistas durante o percorrido son espectaculares”, explicou Iago Espasandín.

Os controis de cronometraxe realizaranse mediante chip, cuxo uso será obrigatorio para todas as categorías, ao igual ca o de dorsais. As persoas inscritas poderán recollelos o mesmo día da carreira, de 10.00 a 13.00 e de 15.00 a 17.45 horas, no Centro Cívico de Malpica, que funcionará tamén como gardarroupa. Así mesmo, o Concello de Malpica porá a disposición dos participantes o pavillón polideportivo para que poidan cambiarse e ducharse.

Haberá trofeos para os tres primeiros/as en cada categoría e tamén para o primeiro e a primeira clasificados de Malpica.