Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A poesía e a fotografía estreitan lazos entre Malpica e Avintes a través da exposición “20 poemas en remanso”

8Mar 2015

A poesía e a fotografía estreitan lazos entre Malpica e Avintes a través da exposición “20 poemas en remanso”

Os alcaldes das dúas localidades acompañaron aos autores, Carmen Muñoz e Pereira Lopes, na inauguración da mostra no Centro Cívico
540-f-foto

Malpica de Bergantiños estreita lazos coa localidade portuguesa de Avintes grazas a unha interesante colaboración cultural. O traballo conxunto da poetisa Carmen Muñoz Fernández, estremeña afincada en Malpica dende hai vinte anos, e do fotógrafo luso Pereira Gomes deu como resultado o libro “20 poemas en remanso”, cunha primeira e reducida edición que xa está esgotada, e unha exposición homónima que pode contemplarse dende onte no Centro Cívico malpicán.

 

Ao acto de inauguración asistiron os alcaldes das dúas localidades e tamén o de Ponteceso, José Luis Fondo Aguiar, cuxo concello está irmandado co de Avintes. O rexedor malpicán, Eduardo Parga Veiga, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes _preto de medio cento entre os cales se atopaba un grupo de portugueses_ e de presentar aos protagonistas da tarde. O fotógrafo Pereira Lopes, que expón fotografías paisaxísticas de Fisterra, Mera, Cecebre, Porto, Avintes e outros lugares dos dous países, expresou o seu agradecemento a Carmen Muñoz, “porque esta exposición sen ela non existiría”. E a escritora, que tamén tivo palabras de agradecemento, sobre todo para os seus fillos, cualificou a Pereira Lopes coma “un amigo incondicional, que tan ben soubo retratar Galicia e abrir así a fronteira entre España e Portugal”.

 

Despois das intervencións, Gloria de los Ángeles Pardines, amiga persoal de Carmen López, interpretou un alalá e un fado que foron moi aplaudidos. O presidente da Junta de Freguesía de Avintes, Cipriano Manuel Castro, que acudiu a Malpica acompañado pola súa muller, amosouse encantado de regresar de novo a Bergantiños. Eduardo Parga agradeceulle a visita facéndolle entrega dunha peza de olería e unha selección fotográfica de lugares de Malpica. O rexedor portugués correspondeu cun prato co escudo de Avintes e bolos de broa, produto tradicional da súa terra.

 

O acto pechouse cun percorrido pola exposición e un café con pastas que contribuíu á seguir estreitando as relacións entre os veciños e veciñas das dúas localidades. A exposición estará aberta ata o 4 de abril no Centro Cívico.