Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2018
  3. Xullo

Xullo 2018

30Xul 2018

Asinado o convenio entre o Concello e a Deputación para o financiamento da XXXV Mostra da Olería

convenio deputacion 2

O deputado de promoción económica e emprego, José Luis García, e o alcalde de Malpica Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, asinaron un convenio de colaboración para financiar cunha achega de 80.000 euros o proxecto Mostra da Olería de Buño.

Esta achega supón o 80% do orzamento total do evento, incluíndo os gastos en publicidade, material gráfico, alugueiro das carpas, dos espazos expositivos, e das actividades como eventos, animación ou actuacións, ademais dos gastos de persoal para a organización do encontro.

Con esta colaboración, a Deputación da Coruña amosa o seu apoio a esta XXXV Mostra da Olería de Buño e impulsa este evento, ademais de coma un recurso cultural e turístico, como unha actividade rendible de futuro que repercute favorablemente como medio de desenvolvemento económico, social e xerador de emprego e riqueza non só a nivel local, senón tamén na provincia.

A Mostra da Olería de Buño, que cumpriu a súa 35ª edición, rematou este domingo 29 de xullo, e desenvolveu actividades coma rutas turísticas, actuacións musicais, obradoiros e a mostra dos distintos tipos de artesanía tradicional da zona.

20Xul 2018

A Cocedura Tradicional no Forno do Forte cumpre 20 anos coa intención de obter a súa propia declaración de Festa de Interese Turístico

IMG-20170805-WA0046

No Forno do Forte de Buño xa está todo preparado para a Cocedura Tradicional, un proceso centenario de elaboración das pezas de barro recuperado fai agora vinte anos. Con motivo desta efeméride, desde a dirección do conxunto etnográfico e desde o Concello de Malpica estase a traballar para intentar conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico, que se sumaría á que xa ten a Mostra da Olería.

A Cocedura Tradicional celebrarase hoxe sábado. Comezará ás 11.00 horas, coa carga do forno, que se prolongará durante toda a mañá. O prendido do forno será sobre as 17.00 horas, e xa a última hora da tarde, aproveitando a calor, celebrarase a Festa da Carroa, outra tradición que vai unida á cocedura tradicional e que introduce un elemento gastronómico na celebración. A descarga do forno será o domingo 22, a partir das 11.00 horas.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que participará, un ano máis, na carga do forno, destaca a importancia de reproducir unha parte tan importante do proceso de elaboración da olería como é a cocción tal e como se facía en Buño polo menos dende o século XVII. E como xa vén sendo habitual nestes vinte anos, o oleiro Antonio Manuel Pereira Rodríguez “O Rulo” será o encargado de dirixir ao equipo de traballo que durante estas dúas xornadas dará vida a unha das tradicións máis arraigadas da localidade.

Olas, canecos, pucheiros ou petos, porróns ou os ouriñais recuperados o ano pasado… Arredor de 2.000 pezas serán colocadas con sumo coidado no Forno do Forte o sábado pola mañá. Unha vez cargado o forno, a bóveda será tapada con “cachos”, que axudan a manter a calor. O prendido será ás 17.00 horas, e nese momento entrará en escena a muller dos fumes para alimentar o forno con toxo ata que acade a temperatura idónea, que se sitúa arredor dos 1.000 graos. E despois será a quenda dos atizadores, que terán a misión de manter a temperatura ata que remate a cocción, unhas catro horas despois. A a calor acumulada aproveitarase para asar o churrasco, que se servirá acompañado con pan e viño na Festa da Carroa, a partir das 21.30 horas. De feito, a cocedura nestes fornos comunitarios era, antigamente, unha festa.

As pezas que se descarguen o domingo do Forno do Forte serán identificadas cunha etiqueta na que se garante que foron elaboradas de xeito artesanal.

18Xul 2018

A Mostra da Olería de Buño instálase este ano na rúa Santa Catalina

instalacion casetas

Desde hoxe pola mañá está pechado ao tráfico un carril da rúa Santa Catalina de Buño, que se suma este ano aos escenarios da Mostra da Olería. A comisión organizadora, integrada por representantes do Concello de Malpica e da Asociación Oleira de Buño, optou polo cambio de situación dos stands co obxectivo de gañar en vistosidade e de integralos na actividade comercial da vila, de maneira que a feira repercuta positivamente tanto no resto do comercio coma no sector da hostalaría.

As casetas ocuparán un carril, e o outro quedará dispoñible durante toda a Mostra para garantir o acceso de vehículos tanto de servizos e subministracións coma de emerxencias. A regulación do tráfico rodado realizarase mediante rede semafórica, e tamén se habilitarán as medidas precisas para garantir a seguridade dos viandantes. Os condutores que se dirixan tanto en dirección a Malpica coma a Ponteceso ou Carballo poderán utilizar a circunvalación como alternativa.

O carril permanecerá pechado desde hoxe ata o 1 de agosto. Desde o Concello de Malpica pedimos desculpas polas molestias que esta medida poida ocasionar, agradecemos a colaboración da veciñanza e dos condutores e agardamos que contribúa, como é o obxectivo, á posta en valor da nosa olería e do patrimonio artístico, hostaleiro e comercial da vila de Buño.

 

10Xul 2018

As nenas e os nenos de Malpica volven a “Pintar na rúa” para seguir enchendo de cor a nosa vila

pintar na rua 2018Ao longo do mes de agosto desenvolverase a quinta edición de Pintar na rúa, un proxecto de rexeneración urbana que ten a particularidade de que son os nenos e as nenas os que traballan, dirixidos por profesionais das artes plásticas. Este ano a monitora do obradoiro será a carballesa Emi de las Heras, que ten participado en proxectos coma Derrubando Muros con Pintura.

Malpica, que foi décadas atrás un concello pioneiro na Costa da Morte no tratamento artístico de espazos degradados en décadas pasadas, leva impulsando este tipo de obradoiros artísticos desde o verán do 2014, transformando diferentes espazos urbanos nun enorme lenzo no que os nenos e nenas deron renda solta á súa creatividade.

Este verán os participantes seguirán enchendo de cor os muros da vila divididos en dous grupos en función das súas idades. Os nenos e nenas de 6 10 anos pintarán de luns a venres de 11.00 a 12.15 horas, e os de 11 a 14 anos, de 12.30 a 13.45 horas. Ademais, e dado o éxito das anteriores convocatorias, para que poida participar o maior número de artistas posible, este ano haberá dúas quendas de Pintar na rúa, unha do 1 ao 14 de agosto e outra do 16 ao 29. O prazo de inscrición está aberto ata o día 30 deste mes. As familias que queiran máis información ou anotar aos seus fillos e fillas teñen que dirixirse ao departamento de Educación, Cultura e Turismo, situado no primeiro andar do Centro Cívico, ou chamar ao 981 707 104, en horario de 09.30 a 13.00.