Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 13°
Mércores 14°
10°
Xoves 15°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2016
  3. Novembro

Novembro 2016

30Nov 2016

O Concello de Malpica inicia o proceso de contratación dun técnico/a de Turismo

O Concello de Malpica inicia o proceso para a contratación urxente dun/ha técnico/a de Turismo baixo a modalidade de contrato laboral temporal, así coma para a creación dunha bolsa de emprego para a contratación de técnicos/as de Turismo.

O obxecto desta convocatoria é a contratación laboral temporal (4 meses), a tempo completo, baixo a modalidade de contrato temporal de 1 técnico/a turismo. As funcións e tarefas a desempeñar serán as de Información Turística nas instalacións do Centro Cívico de Malpica, co fin de dar a coñecer a oferta turística do Concello de Malpica de Bergantiños e o seu entorno, nos términos do Programa de subvencións dirixido a concellos e agrupacións de concellos da Coruña de menos de 50.000 habitantes para financiar gasto de persoal das oficinas de turismo (BOP nº. 89 do 11 de maio de 2016), así como a Resolución pola que se aproba a concesión definitiva do programa anterior (DP0029), publicado no BOP nº 149, do 08.08.2016 e a Resolución de modificación das Bases específicas de ampliación de prazos publicado no BOP nº 222, do 23 de novembro de 2016.

A modalidade contractual será a dun contrato laboral temporal de duración determinada, por obra ou servizo determinado, e a súa duración será desde a súa sinatura ata o 30/04/2017. A persoa contratada estará obrigada a prestar a súa xornada de traballo na medida e forma requiridas polo interese do servizo, de acordo coa lexislación aplicable e as instrucións ditadas pola Alcaldía. As retribucións estipuladas para este posto son de 1.234,25 brutos (incluído tódolos conceptos salariais e pagas extraordinarias).

Podes consultar as bases completas aquí:

3. BASES TÉCNICO TURISMO

29Nov 2016

Vinte persoas participaron nos cursos de alfabetización dixital organizados pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade

IMG_0245

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco Gorín, fixeron entrega hoxe dos seus diplomas ás persoas que participaron nos cursos de alfabetización dixital impartidos pola técnica de Igualdade, Patricia Vaquero, dentro do programa Conectad@s. Un total de vinte persoas tiveron acceso a unha formación que lles achega as novas tecnoloxías como unha ferramenta máis de igualdade.

O alcalde destacou que na sociedade actual é case imprescindible o manexo das novas tecnoloxías, e animou a todos os veciños e veciñas a tomar parte neste tipo de iniciativas, que o Concello de Malpica, coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, seguirá apoiando e promocionando.

25Nov 2016

A concelleira de Servizos Sociais pon á veciñanza de Malpica como exemplo na loita contra a violencia de xénero

Inaugurada a exposición “Por elas, por nós” coa presenza das e dos protagonistas das 12 fotografías que a integran

IMG_0148

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade de Malpica, inaugurou hoxe a exposición “Por elas, por nós”, integrada por 12 fotografías protagonizadas por mulleres e homes do concello que poñen así o seu gran de area contra a violencia de xénero. No día internacional dedicado á eliminación desta lacra social, Marisol Blanco Gorín quixo poñer en valor, precisamente, a implicación da veciñanza malpicá, á que puxo como exemplo dunha loita que debe ser conxunta de toda a sociedade para evitar que se siga reproducindo.

“Esta forma de violencia comeza cada vez máis cedo. Son moitas as adolescentes que o están vivindo a mans das súas parellas, e ao non ser conscientes do que realmente sucede debemos dicirllo nós, tratar de explicarlles e de facerlles ver que esta situación non é normal. Non te quere máis por terte tan controlada, senón que está tratando de anularte, de illarte do teu círculo social para que dependas del”. Xunto a esta dura pero realista reflexión, que a concelleira de Servizos Sociais acompañou con datos, Marisol Blanco lamentou que sexa preciso sinalar unha data no calendario “para lembrarnos de que moitas mulleres son vítimas de malos tratos, sexan físicos ou psicolóxicos, ou, o que é peor e irreparable, que morran asasinadas polas súas parellas”. A concelleira fixo fincapé na necesidade de que as vítimas de violencia de xénero sexan conscientes de que o son, e instou á sociedade a axudalas a saír da situación na que se encontran.

IMG_0182

Marisol Blanco lembrou que o 25 de novembro “é só unha vez ao ano, pero os outros 364 días debemos seguir traballando para erradicar esta lacra, debemos educar ás novas xeracións na igualdade. É o que tratamos de reflectir nesta exposición”. A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade estivo acompañada polos seus compañeiros Miguel Fernández e Iago Espasandín, polos técnicos municipais da súa área e por moitos e moitas dos e das protagonistas da exposición, entre os que figuran a propia Marisol Blanco, o concelleiro do BNG e percebeiro Paco Souto, o cociñeiro Fernando Agrasar, a oleira Carmen Isabel e moitas outras persoas que teñen en común a súa repulsa á violencia de xénero. O acto de apertura da exposición, que permanecerá ata o Nadal no Centro Cívico, incluíu tamén a proxección do “lipdub” gravado o ano pasado e un aperitivo.

23Nov 2016

Malpica de Bergantiños, concello solidario co alzhéimer

Malpica de Bergantiños é un concello solidario co alzhéimer. Así o recoñece o diploma que recolleron onte na sede de Afaber (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños) o alcalde, Eduardo Parga Veiga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín. O presidente de Afaber, Jesús Villar Antelo, agradeceu a colaboración e a sensibilidade do Concello de Malpica.

Ser solidario co alzhéimer, como recolle Ceafa, significa “contribuír a expandir a mensaxe da necesidade dunha política de Estado sobre o alzhéimer, informar aos seus cidadáns sobre a enfermidade e as súas consecuencias, promover as accións relacionadas coas súas asociacións máis próximas, facilitar a difusión desta mensaxe e concienciar á sociedade” sobre o obxectivo que se persigue.

22Nov 2016

Veciñas e veciños de Malpica volven a protagonizar os actos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Despois do “lipdub” do ano pasado, que supera as 6.000 visualizacións en Youtube, homes e mulleres convértense en protagonistas da exposición fotográfica “Por elas, por nós”, que se presentará este 25 de novembro

CARTEL POR ELAS POR NOS

A loita contra a violencia de xénero é unha causa que implica a toda a sociedade en Malpica de Bergantiños. O ano pasado conmemoramos o 25 de novembro cun “lipdub” protagonizado por entidades, veciñ@s e representantes políticos, e este ano son homes e mulleres de Malpica os e as protagonistas dunha exposición fotográfica que poderá verse a partir do venres no Centro Cívico. “Por elas, por nós” é o lema da iniciativa promovida dende a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, que dirixe Marisol Blanco Gorín, pero que implica a distintos departamentos municipais e que conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña.

A exposición consta de 12 fotografías, unha por cada mes do ano, que teñen como protagonistas a homes e mulleres de distintas idades, sectores e parroquias, pero que teñen en común o seu rexeitamento á violencia de xénero. As imaxes son obra de Senén Insua Redonda, un fotógrafo que tamén se suma á causa coa súa colaboración desinteresada. Trátase de fotografías en branco e negro nas que se utiliza algún dos elementos presentes para lembrar, cun toque violeta, que estamos a conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

O obxectivo, segundo explicou a concelleira Marisol Blanco, é “sensibilizar, concienciar e visibilizar a violencia que sofren as mulleres polo simple feito de ser mulleres”. A concelleira é unha das protagonistas da exposición, na que, ademais do mundo da política, están representados o mar, o agro, o ensino, a sanidade, a mocidade, a familia, a empresa… distintos sectores que integran a sociedade do noso concello.

A inauguración da campaña “Por elas, por nós” terá lugar o día 25, ás 13 horas, no Centro Cívico. Ademais da apertura da exposición por parte do alcalde, Eduardo Parga, e da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, está prevista a proxección do “lipdub” gravado o ano pasado tamén coa participación de veciñanza e entidades de Malpica. O obxectivo que nos marcamos o 25 de novembro do 2015, de acadar tantas visualizacións coma veciños e veciñas ten o concello, está amplamente superado, xa que a día de hoxe supera as 6.000 en Youtube. Tamén se distribuirán entre as persoas asistentes chapas e marcapáxinas, e, para rematar, agradecerase a ampla participación social na iniciativa cun aperitivo. “Cremos firmemente que coa forza da veciñanza e das entidades do noso concello, e coa súa conciencia social, gañaremos a guerra contra a violencia de xénero”, manifestou Marisol Blanco.

19Nov 2016

A I BTT Malpica-Nariga reunirá a máis de 200 participantes

Un total de 210 afeccionados teñen confirmada a súa participación na I BTT Malpica-Nariga, que mañá demostrará por que é coñecida xa como a ruta máis espectacular de Galicia. A esa espectacularidade, marcada pola paisaxe, súmase a dos premios que entregarán os organizadores –Concello de Malpica, Sporting Seaia e Emesports.es- aos tres primeiros e ás tres primeiras clasificadas. Trátase de orixinais e coidadas reproducións do faro de Punta Nariga chapadas en ouro, prata e bronce, elaboradas especialmente para a proba e doadas pola Xoiería Díaz Antelo. O tenente de alcalde, Miguel Fernández; o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, e o técnico de Deportes do Concello, Pablo Lista, presentaron onte os trofeos. A relación de establecementos colaboradores, aos que Iago Espasandín quixo agradecer a súa implicación, complétase con Panadería Labrador, Refugio As Garzas, Evobici.com, 20liveirabike, Pedalea Bien e MACT Centro de Recuperación y Preparación Física.

IMG-20161024-WA0001-220x310

A I BTT Malpica-Nariga arrancará mañá domingo, ás 10.30 horas, dende a lonxa de Malpica, onde tamén estará situada a meta. Os participantes percorrerán un total de 45 quilómetros, e á súa chegada serán agasallados cun xantar a base de polbo elaborado por Fernando Agrasar, de As Garzas, todo un estrela Michelín. A comida alongarase ata as 17 horas, e tamén haberá un sorteo de agasallos doados polos establecementos colaboradores.
Todos os detalles da xornada poden seguirse a través do Facebook Ruta BTT Malpica Nariga.

12Nov 2016

O Concello de Malpica inviste 54.414 euros na obra de reparación e mantemento do Centro Cívico

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, asinou coa empresa Construcciones Ogando S.L. o contrato de execución da obra de reparación e mantemento do Centro Cívico de Malpica, que suporá un investimento de 54.414 euros e que está financiada con cargo ao Plan de Acción Social (PAS) da Deputación da Coruña.

A empresa adxudicataria dispón dun prazo de dous meses para levar a cabo os traballos, que consistirán na demolición e substitución das ventás da planta baixa e de parte das do primeiro andar, a construción de aleiros nas cubertas e a instalación dunha fachada ventilada con paneis de aluminio na planta baixa.

As obras permitirán eliminar o grave problema de humidades que afecta ao edificio do Centro Cívico, inaugurado en decembro do ano 2003.

9Nov 2016

A Concellería de Servizos Sociais organiza unha excursión a Ribadavia coincidindo coa presentación de “Lembranzas de Malpica”

A Concellería de Servizos Sociais organiza unha excursión a Ribadavia coincidindo coa presentación de “Lembranzas de Malpica” na localidade ourensá, prevista para o día 26. As persoas participantes viaxarán acompañadas polo alcalde, Eduardo Parga Veiga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e os encargados da recompilación de artigos de Xosé González Reyes que integran o libro.

As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. As persoas interesadas poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais, no Centro Cívico, ata o día 23. A viaxe é de balde. Os participantes só abonarán os gastos da comida, que non superarán os 20 euros. Ademais de asistir á presentación do libro, os veciños e veciñas de Malpica terán a ocasión de gozar dunha xornada cultural e de ocio na capital do Ribeiro.

Este é o programa:

EXCURSIÓN A RIBADAVIA

 

1Nov 2016

A Concellería de Promoción Económica organiza un Curso de Actualización Comercial previo á campaña de Nadal

O Concello de Malpica, a través da Concellería de Promoción Económica, porá en marcha este mes un Curso de Actualización Comercial dirixido fundamentalmente a autónomos do sector e a empregados de establecementos comerciais. Nesta acción formativa, totalmente gratuíta, ofreceranse aos participantes as claves para mellorar a súa estratexia comercial e actualizar os seus negocios.

O curso está composto por tres módulos. O primeiro, destinado á propia tenda (distribución do mobiliario, implantación do produto e imaxe de marca), o segundo ao escaparatismo (realización de escaparates: montaxe, elementos decorativos e color) e o terceiro módulo está dirixido á clientela (como fidelizar e captar novos clientes, debilidades e fortalezas da nosa tenda e como actualizala).

A formación será de 20 horas, de luns a xoves de 20:30 a 22:30 horas no Centro Cívico de Malpica. As sesións formativas desenvolveranse entre o 8 e o 23 de novembro, coa finalidade de que a aprendizaxe poida poñerse en práctica na próxima campaña de Nadal, xa que o curso inclúe unha parte de formación teórica e outra práctica, de escaparatismo, que se levará a cabo na propia tenda. Ao remate entregarase un diploma de asistencia.

O prazo de inscrición está aberto ata o mesmo día 8, ás 15.00 horas, na Casa do Oleiro (981 711303) e no Centro Cívico (981707104). Terán preferencia de asistencia os comerciantes e os empregados do sector comercial que residan no termo municipal de Malpica.