Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2016
  3. Febreiro

Febreiro 2016

26Feb 2016

O Concello de Malpica abrirá o 1 de marzo a inscrición para as 10 prazas que ten reservadas na Travesía a Nado Illas Sisargas

  • O prazo estará aberto ata o día 23, e no caso de que haxa máis de 10 solicitudes realizarase un sorteo público o día 29
  • As persoas seleccionadas aboarán unha cota reducida de 30 euros

O Concello de Malpica abrirá o 1 de marzo o prazo de inscrición para as 10 prazas que ten reservadas na 7ª Travesía a Nado Illas Sisargas, que se celebrará o 14 de agosto. Segundo informou o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, o prazo de solicitude estará aberto ata o día 23 de marzo e no caso de o número de candidatos/as supere o de prazas procederase á celebración dun sorteo público que se celebraría o 29 de marzo, ás 12.00 horas, no Concello de Malpica.

Para a adxudicación das 10 prazas teranse en conta os seguintes criterios:

  • En primeiro lugar terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Malpica.
  • En segundo lugar, se quedan prazas libres, sortearanse entre @s nad@s no concello de Malpica.
  • En último lugar, as prazas que continúen vacantes sortearanse entre @s residentes no concello de Malpica.

A inscrición realizarase no Departamento de Deportes do Concello de Malpica en horario de 9:00 – 14:00 ou no teléfono 981 720 001. As persoas que resulten adxudicatarias das 10 prazas reservadas para o Concello de Malpica pagarán unha cota de inscrición reducida de 30 €. O concelleiro Iago Espasandín agradece ao Club Travesía Sisargas a súa boa predisposición e a súa colaboración para habilitar este prazo extraordinario de inscrición.

Toda a información da Travesía está na web www.travesiasisargas.com

22Feb 2016

O domingo 14 de agosto celebrarase a VII edición da “Travesía a nado Sisargas” Malpica

Durante o mes de abril estará aberto o prazo para inscribirse nesta proba en mar aberto cunha distancia en liña recta de 4,2 km

sisargas travesia

O período de preinscricións abrirase o día 1 de abril e pecharase o día 25 de abril. O importe da preinscrición será de 5?. O Club Travesía Sisargas doará o total da recadación das preinscricións á Ong “Save the Children”, que o destinará ao “Programa de atención da Infancia en España”.

O número límite de participantes nesta edicción será de 180 que se repartirán da seguinte forma: 15 prazas Club Travesía Sisargas, 10 prazas Concello de Malpica, 5 prazas para os 5 primeiros clasificados da pasada edicción e 150 prazas abertas a todos os participantes que se queiran inscribir na proba. Podedes ampliar toda a información da travesía e como inscribirse na nosa web www.travesiasisargas.com.

Os organizadores agradecen a colaboración do Concello de Malpica, Confraría de Pescadores, Protección Civil, Cruz Vermella do Mar, e de todos os nosos patrocinadores e colaboradores.

18Feb 2016

A Consellería do Mar investiu preto de 24.000 euros nas obras de mantemento das instalacións portuarias de Malpica

O presidente de Portos de Galicia visitou hoxe a vila acompañado polo alcalde, Eduardo Parga, o concelleiro Miguel Fernández e un representante da Confraría de Pescadores

VISITA-DURAN-6-baja
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu preto de 24.000 euros en diversas obras de mantemento no porto de Malpica, consistentes na reparación de avarías eléctricas producidas polos últimos temporais e a reparación e colocación de novas defensas de protección para embarcacións, entre outras actuacións. Así o deu a coñecer esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita ás instalacións na que estivo acompañado polo alcalde, Eduardo Parga, o concelleiro Miguel Fernández e un representante da Confraría de Pescadores.

O obxectivo destas reunións de traballo é coñecer as inquedanzas e peticións levadas a cabo polo sector profesional e tamén por parte dos alcaldes dos concellos nos que se emprazan as propias instalacións portuarias. Desta maneira Portos de Galicia está a disposición do sector para tratar de resolver, na mellor medida posible, cada unha das peticións que se realizan.

Na visita tratáronse outros asuntos como o estado das infraestruturas, e o mantemento e conservación das instalacións portuarias de Malpica. Neste senso destacan a colocación das novas defensas para protección dos barcos que atracan na dársena do porto, así como a dispoñibilidade para o servizo e mantemento, tanto da comporta interior da dársena de Malpica como do seu guindastre.

17Feb 2016

O Departamento de Servizos Sociais tramita as solicitudes de descontos no transporte interurbano para familias numerosas

As reducións abranguen dende o 20 ata o 50%

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Consellería de Política Social asinaron o día 07/11/2014 un acordo de colaboración para estender os descontos establecidos na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas, para o transporte interurbano de viaxeiros no eido do Plan de transporte metropolitano de Galicia, nas áreas metropolitanas de A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e Vigo.

Os descontos son do 20% para as familias numerosas de categoría xeral e do 50% para as de categoría especial. No Concello de Malpica, as familias interesadas poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais para realizar os trámites de solicitude.

As bonificacións percibiranse sempre ao final do mes seguinte a aquel no que se xere o dereito ao desconto correspondente, con efectividade dende o día 1 do mes seguinte. Así, os descontos acumulados no mes de febreiro, serán computados a finais do mes de marzo e estarán dispoñibles para as persoas usuarias a partir do 1 de abril.

Así mesmo, con efectos do 1 de xaneiro do 2016 e vixencia indefinida, entrou en vigor a exención de taxas de expedición do DNI e pasaporte, para as persoas que teñan a condición de membro de familia numerosa, de conformidade coa Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas; a Lei 84/1978 do 28 de decembro, pola que se regula a taxa de expedición do Documento Nacional de Identidade e a establecida no Decreto 466/1960, do 10 de marzo, polo que se convalida a taxa por expedición de pasaportes.

10Feb 2016

Novo éxito de participación no Concurso Gastronómico de Doces de Entroido de Malpica

O certame do Martes de Entroido, que este ano celebrou o seu 15º aniversario, reuniu a centos de persoas no polideportivo municipal

1-premio-amateur-web
Novo éxito do Concurso Gastronómico de Doces de Entroido de Malpica na súa 15ª edición, cun total de 25 participantes nas tres categorías establecidas: infantil, amateur e profesional. O xurado, integrado por representantes do Concello e das entidades colaboradoras, Asociación de Redeiras Mar da Illa e ANPA Ventorillo, tivo que enfrontarse a unha difícil tarefa dada o elevado nivel. Sabor, presentación, orixinalidade e tradición mesturáronse nunha tarde que encheu de animación o polideportivo municipal.

1-INFANTIL-BORLAS-DE-FROITA-ALBA-VILLANUEVA-webNa categoría infantil o primeiro premio foi para as “Borlas de froita” de Alba Villanueva; o segundo, para as “Magdalenas multicolor” de Noelia Garrido, e o terceiro, para o “Brazo de xitano de Entroido” de Brais Casal. Na categoría profesional o gañador foi o “Queique con máscara” do JB, mentres que o segundo posto correspondeu ao “Flan de mandarina” do Cachón e o terceiro, ao “Flan de café con nata” do Brebaxe. Polo que respecta a categoría amateur, na que se rexistrou a maior participación e que foi, polo tanto, a máis rifada, trunfou o “Queique de laranxa e canela” de Luisa de Spellos. O segundo premio foi para a “Tarta de cereixas” de Isabel Camiño Mouzo, e o terceiro, para a “Tarta de trufa” da Asociación de Amas de Casa.

1-PROFESIONAL-QUEIQUE-CON-MÁSCARA---JB-web

Todos os participantes levaron como recordo unha peza de Olería de Buño, que entregaron as representantes das asociacións Mar da Illa e ANPA Ventorrillo; o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, e o alcalde, Eduardo Parga.

A festa do Martes de Entroido reuniu a centos de persoas no polideportivo de Malpica. Os máis pequenos puideron gozar durante toda a tarde cos xogos inchables, o karaoke, o futbolín, o touro mecánico e, por suposto, a degustación de doces que puxo o punto final á celebración.

 

8Feb 2016

“Os Piratas do Caribe”, gañadores do Concurso de Comparsas

• O premio infantil foi para “Os velliños de Malpica” e o de piñatas para “O Zoo de Malante”
• “Os Piratas do Caribe” tamén acadaron o primeiro premio no baile social

IMG-20160207-WA0032_entroido2016

En Malpica produciuse un verdadeiro desembarco pirata neste domingo de Entroido. “Os Piratas do Caribe”, coa súa impoñente embarcación, acadaron o primeiro premio no Concurso de Comparsas celebrado hoxe pola tarde na Praza de Villar Amigo. O mal tempo obrigou a retrasar a saída do desfile, pero a choiva respectou a tradición, e, de feito, non caeu unha gota ata o remate do animado percorrido, no que tamén foron agasalladas as comparsas “O parchís” e “Tribu comanche” co segundo e terceiro premios, respectivamente.

Na categoría infantil o galardón foi para “Os velliños de Malpica”, e no certame de piñatas triunfou “O zoo de Malante”. O alcalde, Eduardo Parga, e o tenente de alcalde, Miguel Fernández, foron os encargados de entregar os galardóns na praza, e tamén no Centro Cívico, onde continuou a festa co concurso de disfraces para maiores que se celebrou durante o baile social, amenizado polo dúo Nuevo Siglo.

A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, sumouse á festa cun simpático traxe de “Carapuchiña Vermella”, pero hoxe os protagonistas foron as patas de pau, os parches nos ollos e as bandeiras coa caveira. “Os Piratas do Caribe” foron os gañadores do primeiro premio, e “As nenas xemelgas”, do segundo. Para as dúas comparsas houbo cestas repletas de produtos típicos do Entroido.

IMG-20160207-WA0034-entroido2016

1Feb 2016

A Xunta completa a renovación da iluminación no paseo marítimo de Malpica con cargo ao fondo de compensación ambiental

  • O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o alcalde da localidade, Eduardo Parga Veiga, visitaron os traballos realizados e asinaron as actas de recepción das obras.
  • O proxecto, cun orzamento total de 72.600 euros, busca a mellora da eficiencia enerxética no municipio.

PASEO-4-baixa

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, visitou o Concello de Malpica co obxectivo de coñecer as obras realizadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental e, ao tempo, asinar xunto ao alcalde, Eduardo Parga Veiga, as actas de recepción das obras. Xuntos, coñeceron as novas luminarias do paseo marítimo, que ofrecen un alumeado público máis moderno, eficiente e respectuoso co medio ambiente. Así, con cargo ao plan impulsado desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria, substituíronse as antigas luminarias de vapor de sodio por haloxenuros metálicos, que se caracterizan por emitir unha cor moi próxima ao branco, pola súa elevada eficiencia luminosa, un rendemento cromático óptimo e unha duración media moi elevada.

Por todas esas funcións son utilizadas, sobre todo, para a iluminación de campos de deporte, prazas e grandes espazos. O orzamento da actuación foi de 72.600 euros.