gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Domingo 15°
12°
Luns 16°
10°
Martes 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2015
  3. Xaneiro

Xaneiro 2015

3Xan 2015

O belén da igrexa parroquial de Malpica conserva pezas elaboradas de forma artesanal hai case 70 anos

O tradicional nacemento, que recuperou o esplendor grazas á implicación do párroco e dun grupo de veciños, pode visitarse ata a festa de San Xulián
540-f-foto

O belén da igrexa de Malpica é un tesouro. A maior parte das pezas que o integran teñen case setenta anos de antigüidade e todas foron feitas de maneira artesanal. Pero máis aló do económico, o nacemento ten un valor social e case histórico. As súas orixes remóntanse ao ano 1946, cando o párroco Santiago Abuelo Alvite e a mestra, dona Anastasia, organizaron unha función de teatro no cine Lerio para recadar fondos e comprar figuras novas. Pero a maior parte das pezas foron adquiridas ao ano seguinte, coincidindo coa chegada de Benigno Rocamonde, tras o falecemento do cura anterior, e de dona Lidia, a profesora que ocupou o posto de Anastasia cando se trasladou.

 

De 1947 proceden a maior parte das pezas. Entre as máis emblemáticas están o muíño, que funcionaba perfectamente, e o portal, construído por Pepe de Paz. Malpicáns coma el fixeron, de feito, todas as casas do belén malpicán. Así aforrábanse uns cartos. E aínda que o resto das figuras viñan de fóra, foron os veciños máis mañosos os que se encargaron sempre de que a roda do oleiro xirase, de que as galiñas picasen o gran, de que a auga do río circulase ou de que a iluminación funcionase correctamente.

 

O belén de Malpica chegou a ser unha referencia na comarca, pero na última etapa de Benigno Rocamonde entrou en declive e empezou a deteriorarse. Hai uns 15 anos, un grupo de malpicáns recolleron o testemuño dos pioneiros de 1946 e decidiron recuperalo. Houbo que restaurar moitas pezas e mercar outras, pero sempre idénticas ás orixinais, e pouco a pouco o nacemento foi recobrando o seu esplendor e medrando. Ten un circuíto pechado de auga e practicamente todos os compoñentes son eléctricos, o que permite que o río flúa e que as figuras teñan movemento. “Quixemos plasmas as profesións tradicionais da zona”, sinalan os organizadores do belén, no que, ademais dos Reis Magos, o Neno Xesús, a Virxe María, San Xosé, a mula, o boi ou os pastores, aparecen un ferreiro, un muiñeiro, un oleiro, unha atadora… “Algunhas figuras son desproporcionadas, porque son incluso anteriores a 1947”, apuntan. Pero o conxunto é espectacular.

 

A montaxe leva unha semana. Todos os días ás 10 da noite reúnense catro malpicáns que perden horas de sono para colocalo todo no seu sitio. “Non queriamos que se perdese, porque era moi tradicional, viña a velo todo o mundo de todos os sitios ata que empezou a decaer, e queremos que a xente volva a visitalo”, sinalan. Quen queira facelo pode achegarse á igrexa de luns a venres a partir das 18 horas ou as fines de semana pola mañá. Iso si, antes da festa de San Xulián, porque despois empezarán a desmontalo e a gardalo ata o ano que vén.

 

3Xan 2015

O grilo Míllelo preséntase mañá en Malpica de Bergantiños

O Obradoiro de Animación Teatral do Concello ofrecerá unha representación baseada na narración
540-f-foto

O grilo Míllelo (Edicións Embora), narración infantil para primeiros lectores e obra de Xosé Manuel Varela e Icía Varela Gómez (narración), Xosé Tomás (ilustrador) e Suso Moreira (música), continúa esta fin de semana coa súa xira de presentacións.

 

Despois de pasar, esta mesma mañá, pola Feira da Ilustración que organiza a libraría Biblos de Betanzos, a segunda cita terá lugar mañá domingo, ás 19 horas, no salón de actos da Casa do Pescador. Ofrecerase unha representación teatral baseada nesta narración a cargo do Obradoiro de Animación Teatral do Concello. Baixo a dirección de Silvia Losada actuarán as novas actrices: Lara, Andrea, Verónica e María. Xosé Tomás debuxará en directo e agasallará a algún dos asistentes coas ilustracións. Intervirán tamén Xosé Manuel Varela, Icía Varela Gómez e Suso Moreira.

 

O acto estará presidido polo Alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, e será conducido por Miguel Toval de Edicións Embora. Pecharase de novo coa actuación d?A Banda do Grilo: Gabi Pérez Varela (saxofón), Lucía Dourado Novo (gaita) e Icía Varela Gómez (acordeón); voces de María Moscoso Veiga, Andrea Suárez Ceán, Ángela Varela Doldán, Claudia Suárez Rivas e Ainara Rodríguez Vigueret.

 

O grilo Míllelo, publicado no selo editorial de Edicións Embora de Ferrol, é un proxecto colectivo que combina narrativa, poesía, música, voces, ilustracións e teatro. O libro encádrase dentro do xénero da narrativa infantil na franxa de idade de primeiros lectores. Na web de Edicións Embora tamén se pode descargar a partitura musical e o poema para cantar. 

 

Página 2 de 212