gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 16°
10°
Domingo 16°
Luns 18°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2014
  3. Outubro

Outubro 2014

29Out 2014

Industria tentará chegar a un acordo coa aseguradora antes de emprender a vía xudicial polos danos da balsa de Monte Neme

No caso de xuízo, cada parte reclamará de forma individualizada
540-f-foto

A Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia tentará chegar a un acordo coa aseguradora AXA polos danos derivados da rotura dunha balsa mineira en Monte Neme o pasado 10 de febreiro deste ano. Así, e dado que a antiga concesionaria está en concurso de acredores, tanto a consellería como os concellos afectados, Carballo e Malpica, consideran que AXA debería facerse cargo dos gastos derivados dos danos provocados ao ser a entidade aseguradora responsable no momento do suceso. Dado que AXA rexeita asumir esta responsabilidade, barallouse a posibilidade de emprender a vía xudicial, mais a consellería tratará antes de chegar a un acordo que evite os xulgados. Esta é unha das principais conclusións da xuntanza mantida en Santiago de Compostela entre o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o de Malpica, Eduardo Parga Veiga, e o concelleiro de Obras e Servizos de Carballo, Luís Lamas, con Borja Verea Fraiz, responsable da Secretaría Xeral Técnica de Industria; Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de Enerxía e Minas; Isidoro Martínez Arca, Xefe Territorial da Coruña, e Francisco Conde López, conselleiro de Economía e Industria. Así mesmo, e en caso de que non prospere o acordo amigable, falouse dos pasos que se darán en caso de que a situación se dirima nos tribunais. Chegouse á conclusión de que cada parte, os concellos por un lado e a consellería por outro, deberá reclamar de forma individualizada, aínda que exista a posibilidade de chegar a un acordo para que a causa a leve o mesmo avogado e as argumentacións vaian en sintonía.

 

Por último, outro dos asuntos abordados durante a reunión foi a situación dos particulares afectados, un total de 15 entre os dous concellos. Así, expúxose diante dos responsables da Consellería a posibilidade de que os particulares tamén teñan a oportunidade de reclamar en caso de chegarse a xuízo. Os responsables da Xunta manifestaron que a cuestión será obxecto de estudo. Hai que lembrar que a rotura dunha das tres balsas mineiras de Monte Neme orixinou unha vertedura de máis de 24.000 metros cúbicos de auga, e deixou unha greta de 10 metros de alto por catro de ancho. Máis do 70 por cento dos danos correspóndense co Concello de Malpica, no que as riadas causaron maiores danos, e o restantes foron en Razo da Costa. Os danos están cifrados en 140.758 euros e xa teñen sido abonados polos dous concellos afectados.

 

21Out 2014

Cincuenta veciños do municipio de Malpica participan nos cursos de envellecemento activo inaugurados hoxe

A empresa de economía social + Porvir, creada pola asociación Íntegro, realizou en Buño a súa presentación en sociedade con esta actividade
540-f-foto

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica puxo en marcha hoxe dous talleres de envellecemento activo na Casa do Oleiro de Buño e no Centro Cívico. Na iniciativa participan 50 persoas, repartidas entre ámbolos grupos, e mesmo hai lista de agarda. De feito, este tipo de cursos teñen en cada edición unha excelente acollida por parte dos participantes.

 

Este ano hai moitas novidades, tal como explicou a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, empezando pola empresa que vai desenvolver os talleres. De feito, ás catro da tarde presentouse en Buño + Porvir, unha empresa de economía social creada no seo da asociación Íntegro que presta servizos especializados na atención ás persoas con diversidade funcional, aos maiores e á infancia. O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, agradeceu o apoio do Concello de Malpica, “a primeira Administración que confía en nós”, dixo.

 

O alcalde, Eduardo Parga, reiterou esa confianza e expresou o seu desexo de que os participantes se involucren nas actividades previstas “porque estou segurO -dixo- de que van gañar en benestar e autonomía”.

 

O curso de envellecemento activo pretende, de feito, ofrecer aos maiores unha serie de ferramentas que lles axuden a mellorar a súa calidade de vida. Monitores e participantes traballarán nos ámbitos da saúde, a participación na sociedade, a seguridade e a formación continua, catro grandes bloques que abranguen propostas coma alimentación saudable, mantemento físico, club de lectura, festas, teatro, cine, visitas a balnearios, prevención de riscos no fogar ou busca de afeccións. O obradoiro desenvolverase ata finais de novembro.

 

21Out 2014

Rematan en Malpica os obradoiros de lendas, que serán recollidas nun catálogo e un libro ilustrado

Xosé Manuel Varela, coordinador do proxecto, cualificou como “moi satisfactorios” os talleres desenvolvidos nos centros de ensino
540-f-foto

Hoxe remataron os obradoiros de lendas organizados polo Concello de Malpica, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, dentro do programa de dinamización lingüística que coordina o filólogo Xosé Manuel Varela. As últimas sesións celebráronse pola mañá no IES Urbano Lugrís de Seaia e pola tarde no CEIP Xoaquín Rodríguez Otero de Buño, cunha gran participación por parte dos escolares. O coordinador do proxecto cualificou os talleres como “moi satisfactorios”, malia que a folga no ensino reduciu o grupo de alumnos de 3º da ESO na xornada matinal.

 

Unha vez recollidas as achegas dos escolares e dos usuarios das aulas de lecer de Buño e Malpica, o seguinte paso consistirá na redacción dun catálogo de lendas para o Concello de Malpica e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Así mesmo, Xosé Manuel Varela e o pintor Miguel Anxo Calvo están a traballar xa nun libro ilustrado de lendas malpicás que esperan ter rematado de aquí a fin de ano.

 

Os obradoiros permitiron realizar unha recolleita de literatura oral transmitida de xeración en xeración e comprobar a súa riqueza. De feito, hai lendas de santos, furnas, covas, túneles, mouros e mouras, carballos, mosteiros, meigas, vigas de ouro, caldeiras de ouro, pedras con pegadas… pero haberá que esperar á publicación do libro para coñecelas en detalle.

 

17Out 2014

O plan de mantemento do Concello de Malpica permitiu mellorar máis de 20.000 metros de vías municipais

O goberno municipal xestionou unha achega da Deputación para facer fronte a un investimento que supera os 226.000 euros
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños vén de rematar un plan de acondicionamento e mantemento que permitiu mellorar un total de 20.489 metros de vías municipais. O programa de actuación deseñouse en función das necesidades, de maneira que nalgúns casos só foi preciso acometer a limpeza das cunetas, pero na maioría leváronse a cabo tarefas de adecuación dos firmes, bacheos repavimentacións ou novas pavimentacións.

 

O goberno municipal de Malpica xestionou unha achega da Deputación por importe de 226.578,80 euros para poder levar a cabo o plan de mantemento, que afectou a un total de 21 tramos de vías repartidos polos lugares de Barizo, Asalo, Mens, Beo, Seia, Taraio, Aldeola, Buño, Cambre, Pedrosa, Piñeiros, Santiso, Vilarnovo e Seixas.

 

As intervencións foron diferentes en cada caso. A actuación realizada no núcleo de Beo, por exemplo, incluíu o derrubo dun muro para ensanchar a calzada uns dous metros, o que facilita tanto o tráfico rodado, ao permitir que circulen dous vehículos en paralelo, coma peonil. Tanto o alcalde, Eduardo Parga, como o concelleiro de Obras, Miguel Fernández, destacaron especialmente este último aspecto por tratarse dunha rúa urbana que estaba moi deteriorada e que foi totalmente pavimentada con cemento.

 

En Asalo asfaltáronse dous tramos, un de zahorra e outro de terra, e o primeiro tamén foi ampliado para mellorar a mobilidade. Outra das vías ensanchadas foi a de Sorrío (Seaia), onde ademais acometeuse a canalización das augas pluviais para intentar resolver as inundacións que todos os invernos afectan ás fincas e á mesma estrada. A canalización das augas foi unha actuación complementaria, así mesmo, en Leiloio, onde a pista foi ensanchada e asfaltada. En Buño as obras leváronse a cabo no límite co municipio de Ponteceso. De feito, os dous concellos puxéronse de acordo para realizar o asfaltado nos seus treitos correspondentes.

16Out 2014

Clausurado en Buño o curso de pequenos arranxos de xardinería para persoas con diversidade funcional

Os alumnos do obradoiro, impartido por Íntegro, completarán en abril os traballos de acondicionamento do xardín da praza do Cruceiro
540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga; os concelleiros de Servizos Sociais e Obras, Marisol Blanco Gorín e Miguel Fernández, e o presidente da asociación Íntegro, Adolfo López Baña, clausuraron hoxe en Buño un curso que permitiu a formación de 11 persoas con diversidade funcional para realizar pequenos arranxos de xardinería doméstica. O rexedor malpicán expresou o compromiso do goberno municipal coas iniciativas formativas que, coma neste caso, poden contribuír a mellorar o currículo dos participantes e a facilitar a súa inserción no mundo laboral. Neste sentido, o presidente de Íntegro comentou que a xardinería é nestes momentos un dos nichos de traballo que ten detectado a entidade. Adolfo López Baña avogou pola organización doutras actividades que permitan cubrir ese baleiro, e Eduardo Parga manifestou a súa disposición a colaborar nese sentido.

 

Neste caso, o obradoiro foi subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña e durou algo máis dun mes. Ao longo deste tempo, os alumnos e alumnas recibiron formación teórica na Casa do Oleiro e realizaron prácticas no xardín da praza do Cruceiro de Buño. Ata alí desprazáronse hoxe os representantes do Concello de Malpica e da asociación Íntegro. Aínda que o cambio é evidente, o mal tempo impediu completar o proxecto, que quedará rematado nos vindeiros días. Ademais, a acción formativa inclúe unha segunda parte centrada no mantemento da nova área verde que se desenvolverá no mes de abril.

 

Miguel Álvarez, monitor do curso, destacou o traballo realizado polos alumnos e a utilización de materiais que permiten reflectir a esencia de Buño. Así, no axardinamento utilizouse grava de ladrillo, e na decoración, ánforas e outras pezas de olería. Plantas de tempada e arbustos completan a intervención realizada.

 

Despois da visita ao xardín, alumnos, autoridades e persoal municipal compartiron un aperitivo na Casa do Oleiro. 

 

14Out 2014

Os concellos de Malpica e Carballo sumaranse á demanda contra a aseguradora da empresa mineira do Monte Neme

Os alcaldes, Eduardo Parga e Evencio Ferrero, reuníronse hoxe para estudar accións conxuntas
540-f-foto

Os alcaldes de Carballo, Evencio Ferrero, e Malpica, Eduardo Parga Veiga, mantiveron hoxe, martes 14 de outubro, unha xuntanza na Casa do Concello carballesa para falar da negativa da entidade aseguradora AXA a facerse cargo dos gastos derivados dos danos provocados pola rotura dunha balsa mineira no Monte Neme o pasado 10 de febreiro.

 

Os danos están cifrados en 140.758 euros e xa teñen sido abonados polos dous concellos afectados, mais ante o feito de que a aseguradora rexeite facerse cargo dos custes, barállase a opción de adoptar medidas legais, xa que a antiga concesionaria está en concurso de acredores e sinala a AXA como responsable. Así, ante a intención manifestada pola Consellería de Industria da Xunta de Galicia de interpoñer unha demanda contra AXA para que a aseguradora asuma a súa responsabilidade, esta mañá Ferrero e Parga Veiga acordaron solicitar unha xuntanza co Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, para que os concellos tamén teñan a oportunidade de personarse nesta demanda.

 

Así mesmo, esperan poder estudar os posibles mecanismos que se poderían poñer en marcha para que os veciños e veciñas afectados tamén sexan quen de reclamar de forma conxunta. Hai que lembrar que a rotura dunha das tres balsas mineiras de Monte Neme orixinou unha vertedura de máis de 24.000 metros cúbicos de auga, e deixou unha greta no noiro de 10 metros de alto por catro de ancho. Máis do 70 por cento dos danos correspóndense co Concello de Malpica, no que as riadas causaron maiores danos, e o restante son danos cuantificados en Razo da Costa.

 

12Out 2014

Os obradoiros de lendas do Concello de Malpica chegan aos centros escolares do municipio

As xornadas de investigación dirixidas por Xosé Manuel Varela serán os días 14 e 21
540-f-foto

Os escolares do concello de Malpica de Bergantiños converteranse nos próximos destinatarios do resultado das xornadas de investigación de lendas malpicás realizado semanas atrás por Xosé Manuel Varela nas Aulas de Lecer de Buño e Malpica. Os colexios participantes serán o CEIP Milladoiro de Malpica, o IES Urbano Lugrís de Seaia e o CEIP Xoaquín Rodríguez Otero de Buño.

A primeira cita terá lugar o vindeiro martes 14 de outubro. A partir das 12 da mañá, Varela desenvolverá no colexio Milladoiro un obradoiro con alumnado de 6° de Educación Primaria.

O seguinte encontro está programado para o martes 21 de outubro. Os obradoiros de lendas desenvolveranse ó longo de toda a xornada. Os destinatarios do pase da mañá será o alumnado de 1° e 3° de ESO do Urbano Lugrís, en dúas sesións que darán comezo ás 12.35 h. Para a xornada de tarde, os protagonistas serán os de 5° e 6° de Primaria de Buño.

Con estas catro sesións de transmisión xeracional de literatura oral, precedida por outra xa realizada no mes de maio con alumnado de 4° de ESO do Urbano Lugrís, péchanse as actividades de dinamización lingüística do presente ano e que contaron co respaldo da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Non obstante, o próximo obxectivo será divulgar nunha publicación ilustrada estas interesantes mostras de tradición que abranguen a totalidade das parroquias do concello.

 

8Out 2014

Comezan as obras de reforma do parque infantil de Malpica

O proxecto ten un orzamento de preto de 100.000 euros
540-f-foto

A sinatura da acta de replanteo, hoxe pola mañá, marca o comezo das obras de reforma e adaptación do parque infantil de Malpica, un proxecto incluido no POS 2014 que ten un orzamento de 99.792,78 euros. No parque, situado na rúa Patria Galega, reuníronse o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández; o concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo, un representante da empresa adxudicataria, un funcionario representante da Deputación da Coruña e a arquitecta técnica municipal directora das obras.

 

O proxecto ten un prazo de execución de catro meses. As obras consistirán na reforma do parque para adaptalo á normativa actual sobre parques infantís, a eliminación de elementos construtivos que poden suponer certo risco para os usuarios (bordillos, gradas, bancos de fábrica?), a reposición de pavimentos, a substitución da fonte, a reforma dos aseos e a organización das zonas de xogos por idades. Neste sentido, os que poidan ser reutilizados serán restaurados e no resto dos casos colocaranse xogos novos. Ademais, o parque será dotado con mobiliario novo.

 

4Out 2014

O Concello de Malpica de Bergantiños solicita a Medio Rural a cesión de fincas da masa común da parcelaria de Cerqueda

O alcalde, Eduardo Parga, reuniuse coa comisión veciñal que xestiona os terreos
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños solicitará á Consellería de Medio Rural a cesión dunha serie de fincas incluídas na masa común da concentración parcelaria de Cerqueda. O acordo foi adoptado nunha reunión da comisión veciñal que xestiona os terreos co alcalde, Eduardo Parga. A xunta local (integrada por representantes dos propietarios e do Concello) pode propoñer a adxudicación dunha masa común a un titular concreto para destinala a equipamentos colectivos ou outros fins de interese social, como é o caso do Concello de Malpica.

 

As masas comúns son fincas sobrantes despois de realizar as adxudicacións das parcelas da concentración parcelaria que, polo xeral, son entregadas aos concellos para que poida desenvolver proxectos de interese comunitario.